O persoal das residencias públicas mantén o pulso mobilizador fronte ao mutismo de Política Social

Hoxe tivo lugar a concentración número 24 para reclamar a recuperación de dereitos laborais
Nacional - 17 Dec 2020

O persoal dos centros de atención directa dependentes da Consellaría de Política Social mantén o pulso mobilizador ante o nulo interese do departamento autonómico en atender a chamada ao diálogo e á negociación para rematar co conflito laboral. Hoxe tivo lugar a concentración número 24, e nos vindeiros días decidirán novas accións reivindicativas para aumentar a presión sobre a Xunta.

Todas as protestas foron convocadas polas centrais CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise xa que, segundo sinalan dende os sindicatos, ao único ao que se dedicou a Xunta do PP dende o ano 2012 a respecto do persoal ao seu servizo foi a “recortar brutalmente” os dereitos recollidos no V Convenio Colectivo Único. Ademais, acusan o Goberno galego de levar a cabo unha constante redución do cadro persoal e dos medios materiais, “situación que se volveu insostíbel coa pandemia da Covid 19”.

Mais o departamento autonómico continúa a ignorar a chamada aos diálogo e á negociación por parte da representación do persoal, polo que dende as centrais están a celebrar asembleas nos centros de traballo para tratar as demandas específicas do persoal e decidir as novas accións mobilizadoras e de presión social. As asembleas comezaron hoxe mesmo nos Centro de Maiores de Volta do Castro, en Santiago, e no CAPD de Chapela. “Ante a ineptitude da Xunta non imos quedar paradas/os, como tampouco imos ceder ante o intento de deterioro deste servizo público de atención ás persoas”.