O persoal das residencias da Xunta continúa a mobilizarse pola recuperación dos dereitos recortados en 2012
O persoal de todos os centros de atención directa que dependen da Consellaría de Política Social volveron mobilizarse hoxe para reclamar a restitución dos dereitos recortados en 2012 coa escusa da crise económica. Os traballadores/as veñen de lograr que a Xunta dese marcha atrás na súa intención de limitar as vacacións anuais, pero manterán as protestas todos os xoves do mes de xuño en defensa das súas condicións de traballa e duns servizos públicos dignos e de calidade.
As concentracións tiveron lugar novamente diante dos centros de traballo de 11:00 a 11:30 horas. Nesta ocasión escolleuse a residencia Volta do Castro de Santiago para celebrar a protesta principal, onde os representantes das centrais convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- compareceron diante os medios de comunicación.
A responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, valorou moi positivamente a resposta dos traballadores/as públicos/as no que cualificou como “un acto de dignidade”.
Dende os sindicatos convocantes denuncian que a Xunta, en lugar de devolverlle os dereitos arrebatados ao persoal que traballou en servizos esenciais durante a pandemia, “e valorar o esforzo, a dedicación e o risco asumido, a Consellaría de Política Social sigue mantendo os recortes nas súas condicións laborais”.
E isto a pesar de que os centros de atención directa a usuarios/as (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade, centros residenciais, etc.) foron duramente afectados pola crise sanitaria do coronavirus pola súa especial vulnerabilidade, “tanto polas persoas usuarias ás que prestan servizo como polo persoal traballador que conviven nos mesmos”.
Sosteñen que todo o persoal destes centros actuou desde o primeiro momento “con máxima dedicación e compromiso” para intentar frear a afección da pandemia, “mentres polo contra a Consellería mantivo unha actitude impositiva e autoritaria, cercenando os dereitos laborais durante estes últimos oito anos”.
Diante disto, as organizacións sindicais reclaman:
−Unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.
−O incremento de prazas públicas e de xestión directa.
−A recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados.
−A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa.
−A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria e pola mellora das condicións laborais.
Finalmente, e diante do que consideran un “atropelo continuado” contra o persoal destes centros, “e fronte á cerrazón de Política Social, que se nega a recibirnos e a negociar,” as centrais anuncian que no caso de que se produza esa interlocución e negociación manterán o calendario de mobilizacións e accións de protesta durante o mes de xuño, “para defender as reivindicacións laborais do persoal empregado público que traballa nos centros de atención directa a usuarios/as, dependentes desta Consellaría”.