O persoal das instalacións deportivas municipais da Coruña mobilízase contra a precarización
Traballadores e traballadoras das instalación deportivas municipais da Coruña concentráronse este luns na Praza de María Pita en rexeitamento aos continuados abusos por parte da empresa que xestiona a contrata: Ferrovial Servizos, e que leva anos precarizando as condicións laborais e castigando o persoal máis reivindicativo. A pesar de coñecer esta situación, o Concello da Coruña, titular do servizo, non adoptou até agora ningunha medida para corrixir estes abusos.
A empresa, explica Antonio Pedreira, do comité de empresa, conta con arredor de 70 traballadores e traballadoras e xestiona unhas 13 instalacións deportivas (pavillóns, campos de fútbol, piscinas, etc.) repartidas por toda a Coruña.
Sobre as condicións laborais, lembra que o comité tivo que presentar conflito colectivo contra a empresa pola imposición duns calendarios laborais que non acordou coa representación social. A xustiza obrigou a rectificar esta modificación substancial das condicións laborais entendendo que actuara de "mala fe". Pero agora atopámonos con que Ferrovial "acaba de implantar uns novos horarios sen respectar os dereitos adquiridos do persoal, que ademais nos impiden conciliar".
Xunto a isto, Predeira denunciou que a empresa non respecta tampouco o convenio colectivo galego de instalacións deportivas polo que a representación social tivo que interpor diversas demandas na Inspección de Traballo, "que emitiu resolucións ao noso favor".
Baixa a porcentaxe de persoal a tempo completo
O comité alerta de que o servizo funciona con menos persoal do que é necesario, pois a empresa non cubre as baixas e recortou as xornadas dunha parte dos/as traballadores/as. De feito, subliñan, nos últimos cinco anos, a porcentaxe de contratos a tempo completo diminuíu un 18%. Isto provoca que o persoal "teña uns horarios infernais, movéndose continuamente entre as distintas instalacións para cubrir as actividades e servizos e ao tempo fai que se resinta o servizo que reciben ás persoas usuarias".
Ademais, Ferrovial incumpre sistematicamente a bolsa de emprego pactada co comité, que a empresa utiliza de maneira clientelar "para facer contratacións de persoas afíns ás que lle outorga mellores condicións laborais e salariais que ao resto dos traballadores e traballadoras do servizo".
O contrato rematou hai ano e medio
Diante desta precarización das condicións do persoal e do deterioro do servizo, o Concello da Coruña non tomou aínda ningunha medida, "a pesar de coñecer todas estas irregularidades". É máis, o comité advirte que o servizo está nunha situación "límite", xa que o contrato leva ano e medio prorrogado, pero o Goberno local aínda non licitou un novo prego.
"A concesión venceu e Ferrovial renunciou á prórroga recollida, non obstante, segue prestando o servizo contra factura. Esta circunstancia xera unha enorme incerteza entre o persoal, que dende o Concello non atallan e aínda que sempre din que o prego está por saír, até o momento non sabemos nada", critican.
Neste senso, Pedreira reclamou do Goberno municipal "unha actuación contundente" contra dunha empresa que "precariza e utiliza un contrato público como se se tratara do seu cortijo particular".