O persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria mobilízanse para exixir un convenio único
O persoal das Fundacións Públicas de Investigación Sanitarias, Fundacións de Medicina Xenómica, mobilizouse este mércores na Coruña, Vigo e Compostela para demandar un convenio único baixo o lema “Esquecidas e Ignoradas. Polo inicio das Negociacións xa!”.
Segundo explicou Miguel Tizón, da CIG-Saúde, que participou na concentración de Vigo, o que queren é que a consellaría de Sanidade escoite as súas demandas e se inicien as negociacións para acadar un acordo para as catro fundacións.
“Sabemos que son coñecedores da nosa demanda”, explicou, “sobre todo porque o conselleiro fixo declaracións na anterior concentración, pero, sen embargo, a día de hoxe, aínda non se dignou nin a recibirnos, nin a falar, nin a concretar nada do que estamos solicitando”, denunciou.
O que demandan, basicamente, é renovar o convenio e actualizar as súas condicións laborais porque “desde xaneiro deste ano somos persoal laboral público, porén, esas obrigas que teñen cara ao persoal laboral público non se están traducindo en feitos”.
A este respecto apuntou que non teñen dereito a trienios, non teñen carreira profesional e “nin sequera os nosos salarios están equiparados ao do persoal dos Sergas facendo unha tarefa de investigación, no caso da fundación de Vigo. Unha tarefa de investigación clínica que é indispensable para o futuro da sanidade”.
Por iso, diante do feito de que nin os Presidentes do Padroado, que son os xerentes dos hospitais, nin o conselleiro se reúnen con eles, o próximo mércores, día 30 de outubro levarán as súas reclamacións ás portas mesmo da consellaría, cunha concentración na que reclamarán unha xuntanza urxente para abordar toda a problemática que os atinxe e camiñar cara un novo convenio que permita resolvela.
A partir de aí definirán novas accións e irán “subindo o ton se nos seguen ignorando”, concluíu.