O persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria e Medicina Xenómica reclaman un convenio digno
Representantes das 4 Fundacións de Investigación Sanitaria e de Medicina Xenómica concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para reclamar a negociación do seu convenio, caducado e denunciado desde hai máis de un ano, e a equiparación das súas condicións laborais ao persoal do SERGAS. Denuncian que malia telo solicitado e de mobilizarse xa diante dos hospitais de Compostela, A Coruña e Vigo, seguen sen ter resposta algunha nin do conselleiro, nin dos Presidentes dos Padroados que son, á súa vez, os Xerentes dos hospitais.
Por iso, esta mañá levaban ás portas mesmo da consellaría de Sanidade as súas reclamacións e facían entrega, por rexistro, dunha petición formal ao conselleiro para, máis unha vez, solicitar que se convoque a mesa negociadora. Unha situación diante da que Miguel Tizón, representante da CIG denunciaba que “ninguén nos responde, somos ignoradas e esquecidas e están a dar a calada por resposta” e advertía que non descartan “convocar a primeira folga no mundo da investigación e da medicina xenómica”. Unha proposta que, explicou, levarán ás asembleas se a administración segue sen responder ás súas demandas.
Cuestións básicas
Tizón subliñou que o que queren é negociar “cousas básicas” e considerou que esta actitude “é unha verdadeira vergoña, é un insulto ás traballadoras”. E entre as cuestións básicos sinalou negociar unhas novas retribucións e a equiparación “aos compañeiros que están facendo actividade asistencial, pero son do eido sanitario como nós, e que teñen unhas retribucións completamente distintas”.
Lembrou ademais que carecen de carreira profesional e que mesmo hai fundacións que non teñen nin sequera dereito a trienios, o que considerou que é “unha situación realmente precaria”. A este respecto matizou que se conseguira asinar o primeiro convenio das Fundacións, pero que, porén, o persoal de Medicina Xenómica, que fai actividade 100% asistencial, “a día de hoxe non negociou nunca o seu convenio”.
Convenio caducado e denunciado
O representante da CIG explicou que unha vez caducado o convenio das Fundacións foi denunciado e que tiñan que estar constituídas as mesas un mes despois. “Pedíusenos paciencia xa hai máis de un ano. As fundacións de investigación non constituíron esa mesa, pero a Fundación de Medicina Xenómica é a segunda vez, como mínimo, que se adhire de novo a un convenio que leva, non sei, 15 anos caduco”.
Neste sentido, cualificou o de Xenómica como “convenio zombi” e apuntou que, en total hai unhas 600 entre persoal investigador, persoal de apoio, de xestión e de asistencia (en concreto os da Fundación Pública de Medicina Xenómica) agardando por esta negociación. Persoal que, concluíu, “chegados a este punto, está moi cabreado”.