O persoal das Escolas Deportivas da Coruña convoca catro días de folga para exixir o cobro dos seus salarios e novos pregos dignos
O persoal das Escolas Deportivas Municipais da Coruña acordou convocar catro xornadas de folga para os días 8, 9, 12 e 13 de xaneiro en demanda do cobro dos seus salarios e garantías na continuidade do servizo, así como para exixirlle ao Concello axilidade na publicación dos novos pregos e solucións para evitar que se repitan os impagos.
A decisión adoptada pola asemblea de traballadores e traballadoras chega tras confirmarlles a empresa concesionaria, Serviplus, que non ten posibilidade de facer fronte ao pago das nóminas ao ter as contas parcialmente intervidas e manifestar a súa vontade de abandonar o servizo xa dende o mes de abril, que está prestando de maneira forzosa ao caducar en novembro o máximo de prórrogas estabelecidas na concesión.
Os problemas no abono dos soldos véñense rexistrando dende hai tempo, pero neste momento a maioría do persoal ten pendente de cobrar a nómina de novembro e os atrasos xerados dende xaneiro de 2024, e ningunha garantía de percibir o salario de decembro.
A isto súmase que, malia o Concello da Coruña anunciar que os pregos de condicións estarían neste mes de decembro, a día de hoxe o persoal descoñece se xa están elaborados nin a data de publicación, ou sequera se recollen algunhas das reivindicacións laborais e económicas que o colectivo leva anos demandando para rematar coa precariedade e as desigualdades e mellorar o propio servizo.
Demandan unha reunión urxente co Concello
Neste contexto, a representación legal do persoal e membros da CIG-Ensino acudirán este venres 19 de decembro pola mañá ao Concello a solicitar unha reunión de urxencia co concelleiro de Economía, José Manuel Lage Tuñas, ou mesmo coa alcaldesa , Inés Rey, para aclarar todas estas cuestións, reclamarlles unha solución que permita o cobro inmediato dos salarios e que os pregos recollan condicións de traballo dignas e xustas.
Así mesmo, o persoal quere coñecer que medidas vai adoptar o Goberno municipal ante este incumprimento da empresa e que opcións estuda -no caso de que Serviplus abandone o servizo antes de que se licite a próximo concesión, pois ameazou irse en xaneiro- para garantir a continuidade dos empregos e o abono das nóminas, e quen asumirá o pago das débedas que poida deixar a actual adxudicataria.
Apoio das persoas usuarias das instalacións
Doutra banda, un grupo de persoas usuarias comunicoulle ás traballadoras e traballadores que mañá venres, por volta das 09:00h, se reunirá diante das instalacións deportivas de Riazor para manifestarlles o seu apoio e sumarse ás súas reivindicacións.