O persoal das contratas de Repsol sairá en manifestación para esixir que se esclarezan as causas do accidente e máis seguridade
Os traballadores e traballadoras das contratas de Repsol sairán en manifestacións mañá, venres 1 de abril, para esixir que se esclarezan as causas do accidente, melloras inmediatas nas medidas de seguridade e condicións de traballo dignas. Opersoal que mantén o paro, sairá ás 11:30 horas da porta da refinería en Bens, marchara pola avda. de Fisterra ate a Praza de Pontevedra, e dende alí dirixiranse á Delegación do Goberno (Praza de Ourense) polas rúas Juana de Vega e Sánchez Bregua.
A mobilización foi aprobada na asemblea celebrada este mediodía na que tamén se informou das xestións realizadas pola coordinadora das contratas de cara a lograr que Repsol atenda as demandas contidas na táboa reivindicativa. Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, informou que iniciaron contactos coa Xunta de Galiza para que se implique neste conflito, dada a gravidade do sucedido e a negativa da petroleira a establecer unha interlocución coa coordinadora para tratar as diferentes demandas.
De feito, Carril criticou que a empresa non mantivo ningún novo contacto cos parte social dende a xuntanza de onte, na que Repsol se pechou a ofrecer compromisos a respecto das medidas de seguridade, as condicions de traballo ou mesmo a garantir que a investigación polo accidente que causou amorte de Unaie deixou grave a outro traballador sexa transparente e pública.
Diante deste inmobilismo de Repsol, o persoal das contratas reafirmou a súa disposición a manter o paro e as medidas de presión ate que as súas demandas sexan atendidas.
Táboa reivindicativa
A táboa reivindicativa que a coordinadora do persoal das contratas trasladou no día de onte a Repsol recolle, entre outros puntos, poder participar na comisión de investigación que está en marcha para aclarar as causas do sinistro e que esta sexa pública e con información clara.
Demandan tamén medios de evacuación e emerxencias cualificados e con dispoñibilidade, unha revisión dos sistema de alarma xeral e parcial, dos protocolos de sistemas de limpeza e purgado das unidades para realizar os traballos na parada técnica e a revisión das zonas de traballo. Neste senso, solicítase que Repsol dispoña dunha ambulancia medicalizada 24 horas e que se faga unha revisión dos protocolos de seguridade e dos EPI; así como que se garanta a comunicación directa á familia de calquera accidente.
Xunto a isto que se revisen os complementos de parada e o abono que as empresas fan ao seu persoal, e que Repsol esixa ás súas subcontratas que abonen os pluses de perigosidade, penosidade e toxicidade.
Así mesmo, que se revise o volume de traballo que se oferta a cada empresa para fraccionar os traballos a efectuar co obxectivo de conseguir un maior número de profesionais cualificados/as; e a subrogación dos contratos de empresas contratistas en mantemento.
Nesa táboa de reivindicación tamén se demanda a constitución dunha asemblea permanente entre a dirección de Repsol e a representantes dos traballadores e traballadoras de todas as centrais sindicais que desenvolvan a súa actividade no complexo.