O persoal das contratas de Repsol acorda levantar o paro a partir do próximo luns
O persoal das contratas de Repsol acordaba a primeira hora da tarde levantar o paro na refinería a partir do luns 4 de abril. A decisión, adoptada por votación do persoal de cada unha das auxiliares, chega despois da negociación mantida coa petroleira na tarde-noite do xoves e de constatarse que Repsol está dar pasos en firme para o cumprimento dos puntos máis urxentes en materia de seguridade: dispor de ambulancia e persoal médico 24 horas os sete días da semana e incrementar os Equipos de Respiración Autónoma e de detección.
O luns próximo, ademais, está previsto tamén que teña lugar a primeira reunión da comisión intercontratas saída desa negociación con Repsol e na que se abordarán todas as cuestións relativas á seguridade e seguridade e á saúde laboral, tales como a revisión dos procesos dos permisos de traballo para operar nas zonas ou o reforzo sistema de seguridade previo á realización de traballos.
"Todas estas medidas abordaranse e concretaranse nesa comisión que estará formada por representantes do persoal e das auxiliares e na que Repsol estaría presente e que terá unha periodicidade de reunión semanal", explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Xunto a isto, Repsol anunciou que instará ás contratas a resolver todo o relativo ás condicións de traballo para avanzar na eliminación da precariedade "que é un elemento de accidentabilidade e polo tanto eliminar a precariedade significa prever accidentes", subliñou Carril.
O secretario xeral da CIG destacou que o feito de Repsol sentar a negociar unha táboa reivindicativa cunha comisión do persoal das contratas elixida asembleariamente xa ten valor por si propio ao recoñecer a petroleira, por primeira vez, a realidade das contratas. “Repsol recoñece a existencia dun mundo que é o que representan as industrias auxuliares que até agora negaba e que ten unha táboa reivindicativa moi centrada en reclamar unha mellora substantiva nas condicións de seguridade”.
Esclarecer as causas do accidente
Sobre as causas do accidente aseverou que "nós témolo claro, a empresa ten responsabilidade e imos esixir que se depuren esas responsabilidades", sinalando que existen eivas no sistema de prevención que "cómpre corrixir, porque faltan medios básicos e fundamentais". Neste senso, Carril pediu axilidade ás administracións (tanto á Inspección de Traballo como á xudicial) nas súas actuacións para que esclarezan as causas do accidente.
Engadiu que o accidente que lle custou a vida a Unai e deixou ferido a Óscar evidencia a "inseguridade que existe nestas instalacións e a precariedade na que traballa o persoal das auxiliares", dúas cuestións que hai que atallar de inmediato. A este respecto, explicou que tamén se acordou que os traballos da comisión de investigación interna de Repsol sexan trasladados á comisión intercontratas para que todo o persoal poida dispor desta información.
Manifestación até a Delegación do Goberno
Así as cousas, este venres o persoal densenvolveu unha nova xornada de paro na que, ademais de despregar dende primeira hora da mañá os piquetes nas portas da refinería, sairon en manifestación ao mediodía polas rúas da Coruña até a Delegación do Goberno, nunha sentida marcha en homenaxe a Unai, na que tamén tomou parte a súa familia, a quen lle trasladaron todo o apoio e a solidariedade. Apoio que extenderon ao compañeiro Óscar, que resultou ferido no accidente e que a día de hoxe continúa ingresado no hospital.