O persoal das bibliotecas municipais da Coruña irá a folga se a empresa non abona a paga extra
As traballadoras e os traballadores das bibliotecas municipais da Coruña que prestan servizo a través da empresa LTM irán á folga se a concesionaria non abona a paga extraordinaria de verán a máis tardar durante a xornada de mañá, xoves 30 de xuño. De non cumprir este prazo, as 75 traballadoras e traballadores activarán a folga, que ten carácter indefinido, a partir do próximo luns 4 de xullo.
Os atrasos no pago dos salarios e os incumprimentos neste servizo véñense producindo dende hai anos e agora, ao malestar xeneralizado do persoal, súmase o anuncio da empresa de que non vai abonar a paga extraordinaria porque, segundo di, non ten cartos. O comité denuncia a falta de previsión económica da adxudicataria, que asumiu un contrato sen viabilidade concursando á baixa, nun contrato que xa partía dunha dotación orzamentaria insuficiente para a execución dos servizos bibliotecarios exixidos.
Neste senso, a CIG tamén denuncia a pésima xestión do Concello da Coruña, que sacou uns pregos "chapuceiros" sen ter en conta ningunha das alegacións presentadas polo comité para a mellora do servizo e para que se garantiran unhas condicións dignas, acordes co traballo que desenvolve este persoal.
Por se non fora abondo, o Goberno municipal pretende impor un retroceso nos seus dereitos, cambiándolles os horarios, non recoñecendo as categorías ou negándose a mellorar o convenio de aplicación (que está sen actualizar dende 2008).
Cómpre lembrar que nas bibliotecas municipais da Coruña boa parte do servizo está externalizado, polo que no mesmo centro coinciden persoal funcionario da administración local e persoal contratado por unha empresa privada. E aínda que ambos colectivos realizan tarefas idénticas e desempeñas as mesmas responsabilidades, as condicións laborais e salariais son totalmente diferentes.
Para tratar os problemas coa concesionaria e as consecuencias que isto ten na prestación do servizo, o comité tense dirixido ao Concello da Coruña en varias ocasións, mais sen ningún éxito. De feito, coa inminente convocatoria de folga enriba da mesa, o Goberno municipal non recibirá o comité até o próximo venres.
Diante deste cúmulo de despropósitos, os traballadores e as traballadoras exixen que a empresa LTM e o Concello da Coruña "acorden unha solución inmediata que nos permita percibir as pagas debidas e estabelezan un procedemento para evitar a precariedade no futuro".