O persoal das bibliotecas municipais da Coruña segue en folga para exixir o cobro dos salarios e estabilidade
As traballadoras e os traballadores da rede de bibliotecas municipais da Coruña continúan en folga en demanda do cobro dos salarios e para exixir da empresa concesionaria, LTM Servicios Bibliotecarios, e do Goberno local solucións á precaria situación laboral que padecen a causa da baixa dotación económica dos pregos do contrato.
Este xoves, o persoal concentrouse diante do Pazo de María de Pita coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se trataron varias preguntas a respecto deste conflito. Pola tarde, ademais, a presidenta do comité fará uso do escano cidadá para expor a situación na que se atopa o persoal e reclamar medidas concretas para dar estabilidade ás 75 traballadoras e traballadores que prestan este servizo.
A diferenza da folga do luns, nesta xornada o Concello da Coruña decretou servizos mínimos nas bibliotecas "polo que hoxe 18 das nosas compañeiras e compañeiros non poden estar aquí exercendo o seu dereito á folga", valoraba a presidenta do comité, Elisabeth Rodríguez. "Non entendemos estes mínimos nun servizo que non é considerado esencial".
Sen avances nas solucións
Rodríguez denuncia que case unha semana despois da reunión co Concello "seguimos sen ter enriba da mesa ningunha proposta nin medida concreta", polo que as folgas continuarán de xeito alterno "até que se nos dea unha solución". Neste senso, lembra que o persoal aínda ten pendente de percibir a paga extraordinaria e que a empresa segue sostendo que carece de capacidade financeira para afrontar o pago dos salarios.
Isto deixa o persoal nunha total incerteza sobre que pasará nos próximos meses coas súas nóminas, tendo en conta que o actual contrato non remata até dentro de ano e medio. O colectivo denuncia que este conflito é consecuencia directa de privatizar a prestación dos servizos públicos, licitando ademais uns pregos precarios nos que o Concello non tivo para nada en conta as alegacións trasladadas polo comité, e de permitir a entrada de empresas piratas que concursan á baixa, sabedoras de que a dotación económica é insuficiente para facer fronte ás exixencia do servizo.
Ao final, quen paga as consecuencias son as traballadoras e traballadores, que levan anos sufrindo atrasos no cobro dos salarios e ameazas constantes de impagamento.