O persoal das auxiliares de Endesa quenta motores para a xornada de folga cunha protesta ás portas da central
Traballadores e traballadoras das auxiliares da central térmica das Pontes retomaron este mércores as mobilizacións semanais na rotonda de Vilavella para esixirlle a Endesa que cumpra coas garantías de emprego e demandar unha transición enerxética xusta, que pasa porque a comarca estea incluída nos plans e axudas destinados aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.
Con esta protesta, o persoal quenta motores de cara á xornada de folga convocada para o vindeiro martes, 14 de xaneiro, tanto na principal como nas contratas, en resposta á solicitude cursada pola dirección de Endesa de pechar a central sen ter formulado ningún proxecto alternativo e cando, a pesar dos compromisos de emprego da eléctrica, xa se comezaron a producir despedimentos nas auxiliares.
Neste senso, Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, lembrou que a pasada semana, previamente á convocatoria da folga e das mobilizacións, anunciáronse seis despedimentos no Porto de Ferrol, dos que finalmente se executou un, "pero o resto do persoal só ten garantías de continuidade durante o primeiro trimestre do ano". De igual xeito, informárase de catro ceses en auxiliares nas Pontes, "mais aínda non se efectivizaron e non sabemos que acontecerá".
Constitución inmediata da mesa de transición
A este respecto, Amado critica que Endesa adoptou esta decisión de pechar antes sequera de saber se é posíbel continuar coa actividade da central facendo uso de combustíbeis alternativos ao carbón, "o que pon en evidencia o nulo interese da eléctrica no resultado destas probas". Neste escenario, o representante sindical reiterou a demanda da constitución formal da mesa de transición enerxética, na que teñen que participar o Estado, a Xunta, o Concello, a empresa, os sindicatos e outros axentes sociais.
Nesta liña, Amado apela á responsabilidade da Xunta para que "abandone o electoralismo" e a crítica infrutuosa e dunha vez se poña en serio a esixir do Ministerio a constitución deste foro no que abordar as alternativas e proxectos de futuro que minimicen o impacto socio-laboral que o peche da central ten na comarca e reclamar que Galiza estea incluída en todos os plans e axudas que se poidan destinar aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.