O persoal das auxiliares de Endesa continúa coas protestas para esixir unha reunión coa dirección
Traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Endesa continuaron este mércores co calendario de mobilizacións semanais para esixir un proceso de transición xusto que non deixe atrás a este colectivo laboral e demandar garantías de emprego. A protesta desenvolveuse na rotonda de acceso á central térmica das Pontes e nela fíxose un chamamento tamén a participar na concentración convocada para este xoves 14, ás 20 horas.
Con esta protesta queren esixir solucións concretas para a continuidade dos máis de 200 empregos que actualmente dependen das contratas, xa que a dirección de Endesa só trasladou un compromiso de manter os niveis de traballo até finais de ano. De igual xeito reclaman da eléctrica que fixe dunha vez a data da reunión que se comprometeu a manter coa representación social para informar das súas pretensións a curto prazo coas auxiliares, sobre todo no primeiro trimestre do próximo ano, e para que aclare que prazos manexa.
As concentracións diante da central térmica repetiranse todos os mércores, cando menos até que a empresa concrete esa xuntanza. Ademais, os traballadores e as traballadoras das auxiliares animaron a toda a cidadanía a participar na concentración convocada polo denominado "comité de crise" para este xoves, 14 de novembro, ás 20 horas, na Praza do Carme.
A medida de protesta estará acompañada "dun apagón xeral" nas Pontes de unha hora de duración, polo que se recomenda acudir con candeas.
[ACTUALIZACIÓN a 14 de novembro: Debido a alerta meteorolóxico decretada para este xoves, fica suspendida a concentración na Praza do Carme das 20hs]