O persoal das auxiliares de Endesa concentrarase para esixir garantías de emprego
Os traballadores e as traballadoras da industria auxiliar de Endesa vanse concentrar este mércores, 6 de novembro, entre ás 14:30 e ás 15:30 horas, na rotonda de Vilavella (no acceso á central térmica das Pontes) para esixir solucións concretas para a continuidade dos seus empregos, posto que a eléctrica só garante os niveis de traballo nas súas contratas até finais de ano.
Coa protesta reivindican tamén garantías de que se vai producir un proceso de transición enerxética xusto que non deixe atrás o persoal da industria auxiliar, tendo en conta que Endesa non lles ofreceu as mesmas garantías de emprego que deu ao seu cadro de persoal. Ao mesmo tempo, queren denunciar a desidia da dirección de Endesa, xa que a pesar de comprometerse a manter unha reunión coa representación social para abordar o futuro dos empregos e os plans que a compañía ten para a central das Pontes, "a día de hoxe segue sen fixarse unha data para tal encontro", critica Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol.
Cómpre lembrar que ese compromiso foi adquirido durante o peche que traballadores e representantes sindicais realizaron o pasado 14 de outubro nas oficinas da Dirección Territorial de Endesa no Noroeste, situadas na Coruña. "É unha auténtica falta de respecto aos compañeiros e ás compañeiras das auxiliares que despois de tres semanas sigan sen pór data para a reunión", denuncia Amado.