O persoal das áreas administrativas dos Centros de Saúde pide auxilio pola súa saturación
Representantes da Executiva da CIG-Saúde e do persoal PSX dos centros de atención primaria comparecían esta mañá en rolda de prensa para denunciar a grave saturación que sofren as áreas administrativas pola polivalencia que ten o persoal, que as/os obriga a asumir responsabilidades que non lles corresponde; pola falta de coordinación que hai para mellor distribuír o traballo e polos problemas de formación que ten a xente que está nas listas de substitución nos programas informáticos específicos do SERGAS. Por iso demandaron que se creen as Xerencias de Atención Primaria e os postos de Xefe/a de Grupo e de Coordinador/a de Formación.
Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a categoría de persoal PSX creouse mediante o Decreto 160/1996, do 25 de abril como unha categoría polivalente con funcións, maioritariamente, de auxiliar Administrativa e celadora. Prazas que eran para prestar servizos en novas unidades e servizos.
Nun primeiro momento, non agora, as prazas de PSX fóronse incrementando en función das necesidades asistenciais. Un incremento que trouxo consigo un incremento de funcións, non só administrativas, senón tamén de funcións de organización e xestión, ao tempo que desaparecían as estruturas de xestión de atención primaria.
Porén, e tal e como explicaron tanto Yolanda Barcia, como Xosé Camiño, PSX e delegados da CIG-Saúde, este incremento non veu aparellado dunha dotación de máis medios técnicos, nin de persoal suficiente, como tampouco se están a preparar os centros estruturalmente para asumir máis postos de traballo, nin se corrixe o problema da falta de confidencialidade cando as persoas acoden ao mostrador para xestionar unha cita.
Organización e xestión
Abuín lembrou que coa desaparición da xerencia de atención primaria e da súa estrutura directiva, o persoal de primaria é "xestionado" directamente polo persoal PSX do seu centro, xa que a xestión que se realiza desde o hospital é insuficiente. Deste xeito, o/a PSX "asume" a responsabilidade da xestión das comunicacións coa xerencia e mesmo da xestión das ausencias, xestionando as axendas, decidindo cando hai que bloquealas pola ausencia do/a médico/a, ou sobre intersubstitucións, entre outras cuestións, de todas as profesionais do centro.
É dicir, entre as funcións encomendadas a este colectivo está a activación e reorganización das axendas de todos os profesionais. “Isto supón para os e as PSX asumir unha responsabilidade que no ámbito hospitalario é exercida por persoal facultativo de admisión e documentación clínica, ou persoal ao seu cargo, sen que haxa ninguén da Xerencia que estableza unhas directrices claras sobre como debe facerse, nin que instrúa ao persoal dos centros nin supervise tales actuacións”.
A maiores, nas áreas non hai unha persoa responsable directa deste persoal, nin unha persoa con coñecemento da organización do traballo, cadro de persoal individual ou colectivo, necesidades de cobertura, e coñecemento das funcións e competencias que realizan.
Xunto a isto, Abuín subliñou que tampouco existe ningún protocolo de traballo. “As modificacións normativas son comunicadas mediante correo electrónico, moitas veces de hoxe para mañá, sen ter unha persoa de referencia para poder clarificar dúbidas”.
Xerencia de atención primaria
Por iso reiterou a demanda da CIG-Saúde dunha xerencia de atención primaria coa estrutura directiva necesaria, dentro da que, ao igual que existe no ámbito hospitalario, propuxo a creación das xefaturas de grupo na atención primaria, con funcións de xestión de persoal.
Xefaturas que se crearían en función da dimensión do centro e do seu cadro de persoal, podendo nalgún caso, ser unha xefatura de grupo para xestionar máis dun centro. Ademais, a categoría que debera acceder a estes postos, para a CIG-Saúde, é a de PSX.
“Esta persoa sería a responsable de elaborar os procedementos propios do centro, a xestión de recursos humanos (PSX) e a planificación do traballo da área administrativa”, explicou a secretaria nacional da CIG-Saúde. Unha figura que pediu da Dirección Xeral de RRHH que se proceda a solicitar a autorización para a súa incorporación inmediata.
Formación
Respecto da formación, explicaron que a prestación de servizos na categoría de PSX require do coñecemento específico dunha serie de competencias e de programas e aplicativos informáticos que son do ámbito privado do SERGAS. “Só podes coñecelos a través da formación que te dan as compañeiras na prestación de servizos, ou mediante unha formación específica que non chega a todo o persoal, nomeadamente ao persoal das listas de vinculacións temporais”.
A este respecto apuntou a cantidade de programas específicos que teñen que manexar quen desenvolvan as funcións que realizan as PSX. Entre outros, para Cita Previa: SIGAP; Cita Previa; Cita Especializada ( GPE); Cita Radiolóxica (GPR) ; Altas normais e a desprazadxs; Altas no aseguradxs (N/A) ou MODULAB.
Para Xestión Administrativa: Facturación a terceiros; Reintegro de gastos desprazamentos; Reintegro material ortoprotésico; Reintegro gasto farmacéutico ou Tarxeta Sanitaria. E para Xestión Sanitaria: LOGAS; MANSIS; QUERES; E-SAÚDE ou Chave 365.
Por iso a CIG-Saúde demanda tamén a creación do posto de Coordinadora/or de Formación, un por distrito sanitario, con funcións máis que xustificadas para formar nas competencias profesionais ao persoal PSX e no elevado número de programas específicos do SERGAS que necesitan coñecer para desenvolver o seu traballo diario.
Unha formación “dirixida á actualización dos coñecementos de todas as PSX e que coordine o persoal de todos os centros cando se inclúa algunha nova ferramenta ou se mude o uso das xa existentes”. Mais tamén “dirixida ás novas incorporacións, tanto das listas de selección temporal coma o persoal que se incorpore por unha OPE ou polo concurso de traslados”.
Formación que, na actualidade, quen a proporcionan son as compañeiras e compañeiros de traballo, “sen que haxa ninguén que a supervise” e que agrava a situación nos lugares onde hai unha/un soa PSX; nestes casos a maioría das veces a formación é telefónica, e que unha vez máis recae nos e nas compañeiras.