O persoal das ambulancias iniciará mobilizacións polo atraso na licitación dos novos contratos
Representantes das centrais sindicais compareceron este xoves en rolda de prensa para denunciar o atraso da Consellaría de Sanidade na licitación dos contratos do transporte sanitario non urxente e advertir do inicio de mobilizacións no sector.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explicou que o compromiso da Consellaría era sacar xa os novos contratos deste servizo no mes de outubro do ano pasado. Porén, non foi até o primeiro trimestre deste 2024 cando se acabaron de licitar os lotes do 061, mentres que o mes pasado "a administracións publicou cinco contratos do transporte non urxente que quedaron desertos pola insuficiencia económica destes".
Unha paga ligada ao remate do proceso de adxudicación
Agora a Consellería ten que volver sacar os contratos "pero non temos información de cando o fará. O problema é que por culpa deste atraso da administración, os traballadores e as traballadoras das ambulancias non poden cobrar a paga de regularización, que supón 1.725 euros por persoa", denunciou Pastoriza. O representante da CIG explicou que este pago está recollido no convenio sectorial pero o seu abono aplicarase na mensualidade seguinte á adxudicación do último dos concursos públicos do transporte sanitario (urxente e non urxente).
"Se a Consellaría de Sanidade cumprira cos prazos que dixo, o persoal percibiría a paga na nómina de agosto, pero coa demora que leva o proceso, aínda que os contratos se licitaran agora non se cobraría até polo menos o mes de novembro, sumando un novo atraso cada mes que pasen sen adxudicar", apunta.
Neste contexto, as centrais sindicais acordaron remitir un escrito á Consellaría para que informe dos prazos que manexa para sacar os contratos, reclamarlle a máxima dilixencia e unha dotación económica suficiente "para evitar que volvan quedar desertos e que o persoal poidan cobrar a paga á que ten dereito".
De xeito paralelo, acordaron iniciar mobilizacións e xa está convocada unha concentración para o vindeiro mércores 10 de xullo, en Santiago de Compostela. A partir de aí, "en función da resposta de Sanidade valoraremos outras accións a desenvolver".