O persoal das ambulancias, a piques de cumprir 30 días de folga por un convenio digno
Os traballadores/as das ambulancias galegas están a piques de cumprir 30 xornadas non consecutivas de folga para reclamar un novo convenio colectivo que garanta unhas condicións laborais dignas. O paro convocado pola CIG, CCOO e UGT converterase en indefinido a partir do vindeiro mércores día 20 no caso de que as partes non cheguen antes a un acordo que permita desbloquear o conflito.
As negociacións para renovar o convenio continúan suspendidas despois de que a patronal decidise levantarse da mesa o pasado xoves polas discrepancias á hora de recuperar a perda de poder adquisitivo tras case catro anos sen actualizar os salarios.
Polo momento non existe unha data para retomar os contactos, polo que o o persoal das ambulancias continúa coas mobilizacións. Este sábado desenvolveron unha protesta en Ribeira durante a celebración dun acto do PP no que participou o presidente da Xunta. Con anterioridade levaron a cabo concentracións, manifestacións e mesmo unha protesta diante da casa do conselleiro de Sanidade.
As organizacións sindicais e os traballadores/as do sector continúan a amosarse moi críticos/as co papel que o Goberno galego está a xogar no conlfito, tendo reclamado en numerosas ocasións a dimisión tanto do conselleiro como do propio presidente da Xunta.