O persoal da UTE Tecman-Rayma continúa en folga pola readmisión dos compañeiros despedidos e o dereito á subrogación
Os traballadores e traballadoras da UTE Tecman-Rayma (que realiza labores de mantemento en Navantia Ferrol) continúan adiante coa folga indefinida en demanda da readmisión dos nove compañeiros despedidos e que se respecten os dereitos adquiridos. Dende o inicio da folga o pasado 23 de outubro, o persoal estase concentrando todos os días dende ás seis da mañá diante da porta de acceso ao estaleiro e para este venres teñen convocada unha concentración na sede da UTE, situada no Polígono das Lagoas.
No marco do conflito aberto, o pasado luns houbo mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, na que a xerencia da UTE rexeitou novamente readmitir o persoal e abrir unha negociación sobre as medidas que sexan necesarias para axustarse ás futuras necesidades do contrato. Tanto J.R. Franco (Tecman) como M. Villadóniga (Rayma) limitáronse a reafirmar a decisión de cese dos nove traballadores.
Respectar os dereitos
Pero para a CIG-Industria o realmente importante desa reunión non quedou reflectido na acta, malia tratarse de cuestións de relevancia para o futuro das relacións laborais nas auxiliares. Neste senso, sinalan que a xerencia da UTE manifestou en repetidas ocasións que no momento en que Navantia pida resolver o conflito readmitirán o persoal, e acto seguido comunicarán a súa vontade de non continuar co contrato, pactando con Navantia unha prórroga para gañar tempo. "Ou como eles mesmos manifestaron, que para continuar co contrato ten que ser á súa maneira, sen imposicións. Porque a xerencia da UTE considera que respectar os dereitos dos traballadores/as son imposicións intolerábeis", denuncian.
Hai que lembrar que o xerente de Tecman foi un dos empresarios que máis se opuxo á incorporación no convenio colectivo do metal da Coruña do dereito á subrogación para o persoal das auxiliares.
O papel da dirección de Navantia no conflito
Pola súa banda, Navantia segue sen intervir, malia que os despedimentos na UTE significan deixar sen efecto un dereito adquirido, a subrogación, "pola vía dos feitos, recortando persoal sen motivo nin causa". Tanto é así que a propia UTE manifestou que ten asumido que terá que pagar a improcedencia dos despedimentos.
A postura da empresa, subliña a CIG-Industria, deixa a resolución do conflito directamente na man de Navantia, que "se quere rematar co conflito non ten máis que dicilo". Nesta tesitura, a central sindical pon a atención no carácter público desta empresa, "cunha dirección nomeada a dedo polo Goberno". Entende que "consentir que un empresario abuse da legalidade para esmagar dereitos laborais, provocando un conflito que a propia xerencia da UTE recoñece que esperaba, e que pode poñer en risco prazos, contratos, a seguridade das persoas, e a imaxe do estaleiro, significa poñer en cuestión á propia dirección en canto a súa capacidade de xestionar unha empresa da importancia de Navantia desde o respecto aos dereitos sociais e sindicais".
A este respecto, cómpre salientar que nos estaleiros da Baía de Cádiz a subrogación do persoal de mantemento está recoñecida dende hai anos e a sucesión de empresas prodúcese de xeito pacífico e respectuoso. Por iso, o persoal segue na loita e advirte que "non imos consentir que fagan de nós a excepción, marcando ademais o camiño a seguir para outras empresas noutros centros de traballo.