O persoal da UTE Tecman-Rayma acorda adiar a folga indefinida ante a apertura dunha mediación
O comité da UTE Tecman-Electrorayma acordou adiar o inicio da folga indefinida prevista a partir deste venres 28 de decembro, logo de que a empresa solicitara unha mediación para tentar resolver o conflito aberto a causa dos reiterados incumprimentos laborais por parte da UTE. A representación social aceptou acudir a reunión da mediación convocada para o vindeiro 3 de xaneiro e atrasar o inicio do paro indefinido até o día 8 do vindeiro mes, que se fará afectivo de non chegar a acordo.
A CIG-Industria de Ferrol explica que a UTE Tecman-Rayma gañou a última licitación para realizar o mantemento dos estaleiros de Navantia en Fene e Ferrol. A compañía comezou prestar este servizo o 1 de outubro, subrogando os 61 traballadores e traballadoras que viñan realizando estas tarefas coa anterior adxudicataria, a UTE FErrovial-Elinco.
Porén, subliñan, dende o inicio desta nova relación véñense producindo unha serie de graves incumprimentos da normativa laboral "que foron comunicados á xerencia da UTE pola representación social". Entre os incumprimentos, destacan a imposición do servizo de retén, a pesar de que o convenio provincial do metal (de aplicación nesta empresa) establece claramente que este ten que ser voluntario. Isto supón, engade a CIG-Industria, a realización obrigada de horas extraordinarias por parte do persoal designado para prestar o servizo, "cando o Estatuto dos Traballadores/as recolle que as horas extras serán voluntarias". Ademais, a UTE tampouco está retribuíndo estas horas polo prezo marcado no convenio colectivo.
Dúas reunións improdutivas
Comité e empresa mantiveron dúas reunións por esta problemática, sen que fora posíbel acadar un compromiso para poñer fin aos incumprimentos e garantir que se respecten os dereitos laborais básicos do conxunto do persoal. A falta de acordo levou á convocatoria de folga de indefinida a partir do 28 de decembro.
Na véspera de efectivizarse o paro, a representación social recibiu comunicación do Servizo de solución de conflitos do CGRL, informando que a xerencia da UTE acababa de presentar solicitude de procedemento de mediación. Ante este movemento, o persoal acordou en asemblea aceptar a mediación, asistir á reunión convocada co mediador para o xoves 3 de xaneiro, e adiar o inicio da folga para o martes 8, no caso de rematar sen acordo.