O persoal da UCI fai unha sentada ás portas do Clínico para “meditar” tras 12 semanas de folga
O persoal da UCI de Adultos protagonizou, na súa duodécima semana de folga, unha sentada na entrada principal do Hospital Clínico de Santiago para meditar sobre a caótica situación que está a padecer. Lembran que levan en folga desde o pasado 16 de novembro e con mobilizacións todas as semanas sen que se dera avance algún. Por iso emprazan á Xerencia a que se poña tamén a meditar para dar unha solución.
Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais. Entende que isto é imprescindible para evitar riscos, mais denuncia que até o de agora as coberturas de persoal fixéronse “improvisando, chamando a casa para cubrir días en días de descanso ou dobrando quendas, movendo doutras unidades ou contratando o persoal de pool sen formación na área especial”.
Indican que neste intre, e polas informacións das que dispoñen, hai 47 doentes covid ingresadas/os en unidades de coidados intensivos: 18 na unidade de reanimación; 15 na UCI Covid e 14 na UCI que antes era non Covid.
Sobre estas cuestións xa presentou denuncia perante a Inspección de Traballo a CIG-Saúde de Compostela o pasado mes de outubro, diante da falta de resposta da Xerencia e a persistencia dos incumprimentos en materia de prevención de riscos, nomeadamente no referido aos protocolos covid, así como a ausencia de medidas preventivas de carácter organizativo e de plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal deste servizos ante o esgotamento que está a padecer a todos os niveis.