O persoal da sanidade privada rexeita as estratexias da patronal para adiar sen fin a negociación do convenio
Os traballadores e traballadoras da sanidade privada da Coruña continuaron este mércores co calendario de mobilizacións acordado para exixir un convenio digno con salarios xustos. Desta volta, o persoal manifestouse nas inmediacións do Hospital San Rafael reclamándolle a patronal que se deixe de estrataxemas e escusas e retome de inmediato as negociacións para avanzar nun acordo de convenio que permita actualizar os salarios, recuperar o poder adquisitivo e mellorar as condicións laborais de todo o persoal do sector.
A CIG-Saúde denuncia que a patronal suspendeu a última xuntanza do convenio tomando como escusa a proposta de redución de xornada laboral anunciada no acordo de goberno PSOE-Sumar e nun posíbel incremento do SMI. Para a central nacionalista esta non é máis que outra escusa para dilatar a negociación sen fin e insta a patronal a sentar de inmediato para avanzar nun acordo.
Non hai que perder de vista que tanto o incremento salarial como a redución da xornada anual xa eran materias que se estaban abordando nesta negociación, pois o convenio provincial da sanidade privada da Coruña aínda contempla salarios por debaixo do SMI e dentro do sector sanitario é do pesoal que máis horas anuais de traballo realiza. "Estas son cuestións irrenunciábeis, ás que temos que sumarlle o pago dos festivos traballados ou unha nova regulación dos permisos retribuídos, entre outras materias", incide a CIG-Saúde.
Pero a patronal, lonxe de dignificar os salarios e permitir a recuperación do poder adquisitivo perdidos nestes anos, pretende recortar dereitos xa recoñecidos no convenio como o actual plus de antigüidade ou a cobertura do 100% nas baixas.
Sector feminizado e precarizado
Este é un sector moi feminizado, tal e como ocorre, en xeral, co sector de coidados. Por iso, son maioritariamente as mulleres as máis prexudicadas por este convenio xa que son quen ocupan, na súa maioría, postos de auxiliares, persoal de limpeza, enfermería ou todo o persoal das clínicas dentais, por exemplo.
A consecuencia de manter, convenio tras convenio, estes baixos salarios provoca que a propia patronal do sector teña dificultades non só para atopar, senón mesmo para afianzar profesionais na sanidade privada, chegando a ter incluso que ofrecer acordos fóra de convenio a determinadas categorías nun intento desesperado por reter profesionais.
A patronal ten a oportunidade nesta negociación de corrixir esta precariedade, pero teima en recortar dereitos e dilatar as negociacións indefinidamente baixo as máis absurdas escusas. Por iso, en reposta a esta actitude, as centrais sindicais xa advertiron que continuarán co calendario de mobilizacións nas próximas semanas e non descartan mesmo ter que chegar a convocatoria dunha folga no sector.