O persoal da residencia de Viveiro mobilízase contra á imposición duns calendarios insoportábeis
Traballadoras e traballadores da residencia de Viveiro, xestionada por DomusVi, iniciaron este martes mobilizacións en rexeitamento aos calendarios que impuxo a empresa, sen ningún tipo de negociación e que resultan absolutamente abusivos. Esta primeira protesta terá continuidade o próximo xoves 25 e o martes 30 de abril.
Os problemas pola imposición dos calendarios, os días de descanso, a compensación dos festivos ou a xornada anual (que a empresa teima en entender que a mínima que o persoal ten que realizar con independencia das circunstancias) veñen de lonxe nesta residencia, explica Susana Riveira, da CIG da Mariña.
Nestes momentos, malia as discrepancias sobre o cálculo das compensacións, o calendario que se estaba utilizando era un provisional do pasado ano, á espera de que se resolva o conflito colectivo presentado por este motivo.
Traballar sen descansos
Porén, a raíz do conflito, a dirección da residencia de Viveiro elaborou uns calendarios insufríbeis que impoñen traballar oito días seguidos sen descanso ou, noutros casos, quince días cun único día de descanso. Este ritmo de traballo resulta inhumano, "tendo en conta que o cadro de persoal está no mínimo e o enorme esforzo que supoñen as tarefas que realizan, por exemplo, as/os xerocultoras/es ou o persoal de limpeza".
A este respecto, Riveira advirte que o cadro de persoal está no mínimo en practicamente todas as categorías, pero resulta realmente preocupante no caso do persoal de enfermería. Aínda así, a Consellaría de Política Social desenténdese da situación da residencia, malia ser un centro de titularidade pública. "Para facer máis negocio, a empresa reduce ao máximo posíbel o número de traballadoras e traballadores e logo esprémeas para poder prestar o servizo", denuncia.
Por iso, algunhas das consignas berradas durante a protesta de hoxe foron: "menos imposición e máis conciliación" ou "DomusVi quérelo todo para ti" e nos cartaces que levaban podíanse ler frases como "somos persoas non robots", "necesitamos descansar para non enfermar" e "máis persoal e menos abuso laboral".
A representación vaise dirixir á dirección de Vigo
Diante da falta de vontade negociadora da dirección e o deterioro das condicións laborais, o persoal acordou iniciar este martes un calendario de mobilizacións cunha concentración diante da residencia de Viveiro. Ademais, a representación social vaise dirixir a dirección de DomusVi en Galiza (que ten as oficinas centrais en Vigo) para queixarse por esta situación e demandar que se respecten os dereitos laborais.