O persoal da residencia Castro Ribeiras de Lea mobilízase pola imposición do calendario laboral
As traballadoras e os traballadores da residencia Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) están desenvolvendo mobilizacións para denunciar o incumprimento do convenio colectivo e a imposición unilateral do calendario laboral por parte da empresa que xestiona o centro, DomusVi (Geriatros-Sar Quavitae). O persoal concentrouse este luns diante da residencia e o pasado venres fixo unha protesta ás portas do edificio da Xunta en Lugo.
O comité denuncia que os axustes nos calendarios impostos pola empresa non cumpren coa compensación de festivos establecida no convenio colectivo e que a dirección busca un incremento das horas de traballo. Deste xeito, alertan, a empresa continúa a precarizar as condicións laborais, polo que tamén reclaman a intervención da Xunta de Galiza, xa que é a propietaria das instalacións.
Diante desta situación, as organizacións con representación no comité xa anunciaron que van presentar conflito colectivo nos xulgados e que se levará adiante un calendario de mobilizacións para esixir que se respecten os dereitos do persoal.