O persoal da refinería de Repsol protesta contra as excesivas prolongacións de xornada

A sección sindical da CIG advirte que o ano pasado se realizaron máis de 30.000 horas extras entre todos os departamentos
A Coruña - 03 Abr 2025

Traballadoras e traballadores da refinería de Repsol na Coruña mobilizáronse este xoves, coincidindo co cambio de quenda, en protesta polo excesivo número de horas “ás que a empresa nos está sometendo”. Denuncian que, no ano 2024, no complexo industrial da Coruña ser realizaron máis de 30.000 horas extraordinarias entre todos os departamentos da refinería.

Unhas prolongacións excesivas de xornada que, advirte a sección sindical da CIG, se está producindo dende hai tempo “e que foron empeorando con cada convenio até chegar á situación actual de esgotamento do sistema de coberturas, negado pola empresa, e que continúa percutindo directamente na conciliación familiar, na saúde do persoal e tamén na seguridade das plantas”.

Denuncian que Repsol obriga o persoal a adiantar a xornada, a prolongala “ou incluso as dúas ao mesmo tempo, sempre coa ameaza de sanción sobre as nosas cabezas, tamén no caso de mantemento coa flexibilización horaria”.

A representación da CIG explica que cos sucesivos convenios asinados, a empresa montou un sistema “no que non está obrigada a contratar en case ningún caso”. Ademais, eses convenios déronlle a potestade a compañía de cargar sobre o cadro de persoal “todo o feixe de horas que quedan ao descuberto, nun sistema que se demostrou que non vale para garantir as coberturas dos actuais permisos nin das baixas que se van producindo”.

Diante destas penosas condicións, e a proposta da CIG, o comité acordou convocar esta mobilización para amosar o rexeitamento do persoal e demandar un cambio na estrutura do traballo que respecte “a conciliación familiar e alcance uns mínimos aceptábeis”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.