O persoal da refinería da Coruña volverá á folga os días 3, 4 e 5 de xullo polo emprego, condicións dignas e un plan de investimentos

A sección sindical da CIG estuda iniciar accións legais pola interpretación abusiva que Repsol está a facer da orde de servizos mínimos
A Coruña - 02 Xul 2026

O persoal da refinería da Coruña volverá á folga os días 3, 4 e 5 de xullo para rexeitar os recortes de persoal e de dereitos e reclamar máis postos de traballo, máis seguridade e un plan de investimentos. Estas tres xornadas dan continuidade aos paros realizados os días 26 e 27 de xuño, no que o 95% dos traballos ordinarios de mantemento ficaron paralizados.

No resto de actividades foi practicamente imposíbel facer un exercicio efectivo do dereito á folga debido aos servizos mínimos impostos, que acadaron case o 100% da actividade nos distintos departamentos do complexo industrial.

De feito, a sección sindical da CIG estuda iniciar accións legais pola posíbel vulneración do dereito fundamental á folga ao entender que Repsol está facendo unha interpretación abusiva da orde ministerial pola que se estabelecen os servicios esenciais mínimos.

Sobre os motivos da convocatoria, lembran que con estas xornadas de folga quérese rexeitar a política de destrución progresiva de emprego e a falta dun plan de investimentos no complexo da Coruña para modernizar as instalacións e garantir o seu futuro.

A representación da CIG critica que a redución de postos está provocando un empeoramento das condicións laborais, incrementando os riscos para a seguridade tanto das persoas como das instalacións e provocando que o persoal teña que asumir unha maior carga de traballo, chegándose a realizar prolongacións de xornada de até 12 e 16 horas.

Por todo isto, a sección sindical da CIG anima a todas as traballadoras e traballadores a secundar a folga e mobilizarse na defensa do emprego, dunhas condicións laborais dignas e para exixirlle a Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.