O persoal da recollida do lixo de Vigo toma as rúas da cidade na terceira xornada de folga por un convenio digno

Unha representación do comité mantivo unha xuntanza co edil responsábel do servizo, que se limitou a tomar nota das reivindicacións laborais
Vigo - 26 Mai 2026

O persoal do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo tomou hoxe as rúas da cidade na terceira xornada da folga indefinida iniciada o pasado domingo para reclamar un convenio colectivo digno. Ao remate da manifestación, que transcorreu ao mediodía entre as oficinas de FCC -a empresa concesionaria- e o consistorio, unha representación do comité mantivo unha xuntanza con concelleiro responsábel do servizo, que se limitou a tomar nota das reivindicacións laborais.

O paro está a ter dende o primeiro día un seguimento do 100% e unicamente traballan os servizos mínimos en hospitais, residencias e mercados (oito persoas na quenda de mañá, tres na de tarde e oito na de noite, xunto cun mecánico por quenda). En consecuencia, o lixo acumulado no exterior dos colectores comeza a ser visíbel xa en numerosas zonas da cidade. Con todo, a empresa segue sen poñerse en contacto coa representación sindical para intentar desbloquear o conflito.

“A postura de FCC é absolutamente irresponsábel; teño estado en numerosas negociacións, pero unha intención de rebentar o acordo coma esta non a vivín nunca”, denuncia o presidente do comité, Suso Diz, da CIG. O representante sindical amosou a total disposición da parte social a retomar as conversas , “polo que interpelamos ao Concello, que é quen lle paga á empresa, para que a inste a negociar, pero nuns termos razoábeis e non de chantaxe”.

Neste senso, quixo deixar claro que a concesionaria non pode dicir que o negocio non é rendíbel “cando é unha transnacional que acaba de facer públicos beneficios de milleiros de millóns de euros”. E lamentou que a política de FCC sexa “que nós nos baixemos os salarios para que eles sigan a gañar máis diñeiro”. De feito, propón unha suba de soldos que está moi lonxe do IPC, como reclama a parte social: 0% para este ano, 1, 5% para 2027 e 2028 e 2% en 2029, e sen revisión salarial, o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por debaixo do que o fai o custe da vida.

A oferta empresarial tampouco consolida a xubilación parcial, “xa que esta sería sen dispensa, polo que de facto iríamos até os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, que é un dereito que temos consolidado en convenio dende hai 20 anos”.

O Concello, pola súa banda, moveu hoxe ficha e púxose en contacto co comité durante a mobilización para manter unha xuntanza ao remate. Mais o concelleiro responsábel do servizo, que recibiu a unha representación de cada organiza sindical, limitouse a anotar as reivindicacións laborais, tal e como explicou o presidente do comité.

Finalmente, Diz anunciou a celebración dunha nova asemblea na nave da empresa, na estrada de Camposancos, hoxe ás 22:00 horas, na que se sortearán os servizos mínimos e se decidirán as próximas mobilizacións.