O persoal da recollida do lixo de Nigrán protesta no pleno para esixir que se renove a concesión
O cadro de persoal da recollida do lixo do Concello de Nigrán desenvolveu onte una protesta durante o pleno municipal para esixir que se saque a concurso a licitación do servizo, cuxa xestión leva prorrogada dende 2019. Dende a CIG-Servizos denuncian que como o Goberno local non actualizou os prezos a empresa non inviste “nin un só euro” nin nos traballadores/as nin na adquisición do material básico necesario.
Durante a protesta, na que participou tamén o secretario comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Alfredo Filgueiras, un grupo de empregados/as despregou cartaces reclamando un novo prego de condicións para o servizo e sinalando o Goberno local e o propio alcalde como responsábeis da perda salarial que esta situación lles ocasiona.
A empresa dende que está nesta situación non aporta nin un euro máis e evita incluso arranxar camións, coches, maquinaria e mesmo material básico para traballar
Na CIG-Servizos lembran que o rexedor se comprometera co persoal da concesionaria, Prezero, que “en breve” licitarían o servizo para poder renovar no só a concesión senón tamén para actualizar os prezos, “xa que a empresa dende que está nesta situación non aporta nin un euro máis e evita incluso arranxar camións, coches, maquinaria e mesmo material básico para traballar”.
O delegado de persoal, Jorge Soto Rodiño, da CIG, interveu na sesión para explicar a problemática que están a padecer, así como as deficiencias que presenta o servizo. En concreto, os atrasos na recollida como consecuencia da falta de persoal, “xa que non contrataron suficientes persoas para cubrir as vacacións de verán”.
Dende a central sindical inciden en que Nigrán é unha localidade turística que durante a época estival a súa poboación aumenta até as preto de 75.000 persoas, “polo que se require facer máis traballo co mesmo número de traballadores/as”. Ademais, advirten que no caso de que non se licite de novo o servizo e outra empresa se faga cargo da xestión “o cadro de persoal non poderá ter melloras económicas no seu convenio”.
Tras a intervención do delegado de persoal o alcalde nigranés reiterou a súa intención de licitar o servizo “en breve”, algo que tamén lle reclamou a oposición durante a sesión plenaria.