O persoal da recollida do lixo da Mancomunidade do Salnés continúa coas mobilizacións por un convenio digno

Este luns concentrouse en Ribadumia e mantivo un peche simbólico no salón de plenos na procura de manter unha reunión co presidente do ente
Ribadumia - 20 Xul 2026

O persoal de Valoriza, que se encarga da recollida do lixo para a Mancomunidade do Salnés (Concellos de Cambados, Vilanova de Arousa e Meis), continúa co calendario de mobilizacións para exixir un convenio colectivo digno, coa vista posta xa na folga que comezará o próximo 24 de xullo se non hai avances na negociación.

Este luns, as protestas trasladáronse ao Concello de Ribadumia onde intentaron manter un encontro co alcalde para abordar a situación do conflito laboral, xa que este ostenta a presidencia da Mancomunidade. O persoal solicitou reunirse co máximo representante do ente en varias ocasións pero en ningún momento recibiu resposta, malia que é a Mancomunidade a encargada de prestar o servizo da recollida do lixo nos municipios de Cambados, Vilanova e Meis.

Diante deste desinterese, e con motivo da concentración, traballadores e traballadoras e representantes da CIG ocuparon de maneira simbólica o salón de plenos do Concello, que abandonaron tras máis de unha hora agardando seren recibidos.

Así as cousas, as protestas continuarán mañá, martes día 21, cunha concentración ás 13h diante do Concello de Cambados e ás 13:30h na sede da Mancomunidade; e o mércores farase unha protesta, tamén ás 13h, no Concello de Vilanova, que até o momento tampouco atendeu as solicitudes de reunión do persoal.

Se non hai movementos nestes días que permitan chegar a un acordo de convenio, ás 21:30h do venres 24 de xullo comezará unha folga na recollida do lixo que se prolongará até o 9 de agosto.

Incrementos xustos para reverter a perda de poder adquisitivo

As negociacións, sinalan dende a representación social, están rachadas, logo de que Valoriza rexeitara mover a súa última oferta económica. A empresa ofrece un incremento salarial máximo do 19% en cinco anos que o persoal considera insuficiente, xa que acumula un 15% de perda de capacidade adquisitiva dende que o servizo se mancomunou hai 12 anos.

“O único que pide a parte social é unha suba total do 21% a repartir nos cinco anos de vixencia do convenio”, explican. Porén, Valoriza ofrece un incremento do 5% para 2026 e do 3,5% para o resto dos anos e a pesar de que persoal “incluso está disposto a renunciar aos días de vacacións adicionais a cambio de chegar ao 4% de suba”, a empresa non se move.

O persoal xa mantivo reunións co Concello de Meis e Cambados para tratar as demandas sociais e a situación da negociación colectiva e demandar a implicación das administracións locais tendo en conta o impacto que suporía para a cidadanía ter que chegar a efectivizar a convocatoria de folga.