O persoal da planta de Nostián urxe ao Concello da Coruña a publicar os novos pregos
Traballadores e traballadoras de Albada concentráronse este xoves diante do Pazo de María Pita coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se tratou unha moción sobre a situación da planta de Nostián e na que o presidente do comité, en nome de todo o cadro de persoal, fixo uso do escano cidadá. A protesta enmárcase no calendario que o persoal está a desenvolver en resposta á parálise na licitación do novo contrato, e xa advertiron que as mobilizacións continuarán nas vindeiras semanas.
Hadrián Canosa, presidente do comité, lembrou que hai catro anos e medio que rematou o contrato e dende entón "estamos agardando pola publicación dos novos pregos, mentres a planta cada vez está máis en precario". Por iso, urxiu ao Concello da Coruña a sacar a nova licitación para rematar coa incerteza permanente na que viven os traballadores e as traballadoras, agravada tras a ameaza do Consorcio das Mariñas de marchar de Nostián.
Apuntou que, ante as incongruencias nas declaracións do Concello da Coruña e do Consorcio, o comité solicitou unha reunión a tres bandas, que o Goberno local aceptou pero o ente supramunicipal rexeitou. "E dende entón non tivemos máis noticias", lamentou.
A este respecto, no uso do escano cidadá, Canosa expuxo o estado precario na que se atopan tanto o persoal como as propias instalacións, derivado da ausencia do novo contrato. "Os traballadores e as traballadoras temos os salarios conxelados dende o ano 2012 e estamos perdendo dereitos", denunciou.
Ademais, debido á situación de prórroga forzosa, a planta sofre un deterioro continuado pola falta de investimentos e mantemento preventivo adecuado "que pon en risco a nosa saúde". Hadrián Canosa alertou que dende o último trimestre de 2023, o número de accidentes de traballo "duplicouse" e no que levamos de 2024 xa se rexistraron 11 sinistros laborais. "Iso non o podemos consentir".
Xunto a isto, o presidente do comité denunciou un recorte nas retribucións do persoal, xa que o Concello da Coruña a día de hoxe non está adherido ao convenio de Ecoembes, "o que repercutirá na paga de produtividade do ano próximo, e así nolo fixo saber a empresa. Xa non falamos de termos os soldos conxelados, senón que imos sufrir un empobrecemento dos nosos salarios".