O persoal da limpeza prosegue mobilizacións contra os recortes de dereitos e na demanda de melloras salariais
Un grupo de traballadoras e traballadores de limpeza da provincia da Coruña realizaron unha acción reivindicativa esta mañá polas rúas da cidade herculina para rexeitar os recortes de dereitos que pretende aplicar a patronal e reclamar un convenio digno e con melloras salariais. A protesta consistiu nunha marcha a pé dende o Corte Inglés de Catro Camiños até a Praza de María, pasando por diante dalgúns dos principais clientes das empresas de limpeza, como son as entidades bancarias e outras grandes compañías.
Para darlle máis visibilidade á protesta, o persoal vestiu a roupa de traballo e portou os equipos e útiles de limpeza ao berro de "non hai Disiclin, que pare este motín" ou "convenio da limpeza, solución", ataviándose ademais con elementos propios do entroido e animando a marcha a ritmo de samba e sereas.
Tomadura de pelo da patronal
A mobilización enmárcase nas accións de protesta que CIG, CCOO e UGT veñen desenvolvendo contra a “tomadura de pelo” das propostas das patronais para o convenio, xa que pretenden eliminar dereitos consolidados como a xubilación parcial e o artigo do convenio que regula o dereito a ampliar xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou na empresa; e impor ademais a conxelación dos salarios para o ano 2020 e un miserento incremento do 0.8% para 2021.
O representante da CIG na mesa de negociación, Paulo Rubido, lembrou que as traballadoras e traballadores xa rexeitaron nas asembleas celebradas na Coruña, Ferrol e Compostela esta indignante proposta patronal e non van tolerar que as empresas (capitaneadas por Eulen) intenten aproveitar a situación de emerxencia sanitaria para recortar dereitos e conxelar salarios "cando este é un dos poucos sectores que se está a beneficiar da pandemia, porque no último ano incrementou a súa facturación polo reforzo das horas extra de limpeza e as desinfeccións".
A este respecto, adiantou que nas próximas semanas haberá asembleas de traballadoras e traballadores nas tres cidades para concretar xa un calendario de folgas a desenvolver no mes de marzo, á vista da falta de movementos por parte da patronal para atender as demandas da parte social. "Non imos recuar nin ceder ante os intentos da patronal de recortar dereitos", aseverou.
Rubido reiterou tamén as consecuencias que unha folga neste sector ten nun momento como o actual, xa que este convenio é o que se aplica ao persoal que fai a limpeza de centros de ensino, centros de saúde, edificios públicos etc., polo que lanzou un chamado ás distintas administracións para que medien no conflito e insten a patronal a negociar un convenio que dignifique as condicións laborais e salariais.