
O persoal da limpeza dos Hospitais de Cee, Barbanza e O Salnés reclama a equiparación salarial e laboral

Traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza dos hospitais da Costa da Morte (Cee), Barbanza (Ribeira) e O Salnés (Vilagarcía de Arousa) concentráronse este martes para reclamar a equiparación xa das condicións laborais e salariais. A protesta enmárcase na campaña de accións que a CIG está a desenvolver para que nestes tres hospitais se cumpra o principio de “a igual traballo igual salario”.

O pasado 19 de maio, a CIG presentou na dirección do SERGAS as sinaturas recollidas entre as traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza dos tres hospitais reivindicando a fin da desigualdade e a discriminación que sofren con respecto ás mellores condicións que ten outro persoal de limpeza da mesma área sanitaria.
Ese mesmo día, ademais, a CIG solicitou unha reunión coa Consellaría de Sanidade para resolver esta cuestión, “da que aínda non obtivemos resposta”. Por iso, con estas concentracións demándase ao SERGAS que sente negociar, remate con esta discriminación e non permita que as empresas concesionarias do servizo perpetúen a precariedade.

As traballadoras esixen equiparación salarial, redución da xornada e melloras en materia de permisos e licencias e xa avanzan que continuarán mobilizándose até que se atendan as súas lexítimas e xustas demandas.
No hospital do Salnés traballan neste servizo preto de 50 persoas e nos centros de Cee e Ribeira máis de 20 persoas. Porén, mentres o persoal do SERGAS goza de mellores condicións, na Coruña aplícase o convenio provincial de limpeza “por debaixo en dereitos sociais e económicos”. No Salnés, as diferenzas son menores en salario, pero persisten en materia de permisos e licencias.