O persoal da limpeza dos colexios de Vigo mobilízase polo pago dos atrasos salariais pactados no convenio
O cadro de persoal de Mantelnor, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios do Concello de Vigo, desenvolveu hoxe unha mobilización para reclamar o pago dos atrasos salariais pactados no convenio colectivo. As traballadoras/es levaron a cabo unha concentración ás portas da sede da empresa, e dende a CIG-Servizos anuncian que as medidas de presión continuarán diante das instalacións da compañía e do consistorio vigués no caso de que nos vindeiros días non se atendan as reivindicacións das empregadas/as.
Dende a central sindical denuncian que Mantelnor non abonou os atrasos conforme ao IPC real, tal e como se acordou ao ratificar o novo convenio colectivo que vén de entrar en vigor e que estará vixente de 2021 a 2023.
En consecuencia, a CIG-Servizos solicitou xa a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais para intentar desbloquear a situación, e en caso contrario o cadro de persoal continuará coas protestas.
Na mobilización de hoxe despregaron unha faixa na que se podía ler “Mantelnor, paga o que debes” e berraron consignas como “Queremos cobrar” e “Mantelnor culpábel, Concello responsábel”.