O persoal da limpeza do Hospital da Coruña iniciará mobilizacións para exixir que se respecten os seus dereitos
O comité do persoal de limpeza do Hospital da Coruña (servizo adxudicado á empresa Acciona) acordou iniciar mobilizacións a partir da próxima semana para reclamar que se respecten os seus dereitos laborais e salariais.
O persoal de limpeza está equiparado en materia salarial e de xornada ao grupo E do SERGAS, polo que as melloras que se determinan para o persoal público tamén son de aplicación para as traballadoras e traballadores destes servizos, malia estaren externalizados. Así ocorre co acordo de melloras retributivas e de redución da xornada anual pactado o pasado ano para o persoal do SERGAS, que debe aplicarse tamén nas empresas da limpeza.
Nun principio, as concesionarias negáronse a aplicar estas melloras pero despois de numerosas reunións co SERGAS e da presión sindical conseguiuse arranxar esta cuestión na maioría dos servizos, agás na limpeza do HUAC.
Hai que subliñar que, por sentenza xudicial, o persoal da limpeza do Hospital da Coruña xa ten recoñecidas unha serie de melloras nos seus salarios e na xornada que nunca foron postas en cuestión nin polo SERGAS nin polas diferentes empresas concesionarias. O problema agora está en que Acciona pretende absorber parte dos incrementos retributivos e da redución da xornada contemplados no acordo do SERGAS coas melloras que o persoal xa ten recoñecidas por sentenza.
"É dicir, a empresa estanos roubando parte da suba salarial que nos corresponde e negándonos os días de redución da xornada anual aos que temos dereito, para así seguir engordando os seus beneficios", denuncia o comité.
Ante a imposibilidade de chegar a un entendemento coa empresa, a representación social decidiu iniciar un calendario de mobilizacións para exixir que se respecten os dereitos das traballadoras e dos traballadores e rematar coa discriminación que sofren con respecto ás compañeiras e compañeiros que realizan o servizo de limpeza noutros hospitais.