O persoal da limpeza do CHUF mobilízase contra a precarización e a persecución laboral
Os traballadores e traballadoras de Ferrovial, concesionaria do servizo de limpeza do CHUF, retomaron este mércores as protestas para esixir da empresa o cese das represalias e na demanda da recuperación dos emprego e dos dereitos "que nos roubaron". O persoal desenvolveu unha concentración no vestíbulo do Hospital Arquitecto Marcide.
As situacións que denuncian os traballadores e traballadoras de Ferrovial véñense producindo dende hai tempo e, a pesar dos intentos para abrir unha negociación coa empresa, esta non fixo ningún xesto "nin para atender as nosas reivindicacións e nin sequera para sentar falar", critica a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Cristina Martínez Padín.
Lembrou que no último concurso, o Sergas incrementou o prezo do servizo a niveis pre-crise para limpar os mesmos metros cadrados “pero con 20 traballadores/as menos". A empresa comprometérase a cubrir as prazas, "pero pasa o tempo e seguimos exactamente igual", o que está a provocar que o persoal teña que asumir unha importante sobrecarga de traballo".
Salarios practicamente conxelados dende 2012
A esta destrución de postos de traballo tamén hai que engadir a precarización das condicións laborais que padece o colectivo, que leva cos salarios practicamente conxelados desde o ano 2012. Neste senso, a secretaria comarcal da CIG-Servizos salienta que nos últimos anos a empresa aplicou recortes laborais e salariais, facendo seu o roubo das pagas extraordinarias que a administración impuxo ao seu persoal, non cubrindo as baixas e ausencias ou mesmo negándose a dar o material necesario para a realización do servizo de limpeza.
"Aínda que as traballadoras e traballadores da limpeza están equiparados co Grupo E do Sergas, na práctica, a empresa interpreta como lle interesa esta equiparación para aplicar recortes pero ningún dos dereitos que lle corresponden a este persoal", sinala.
E por se non fora abondo, Ferrovial practica unha política de represión laboral “castigando ao persoal que cae de baixa médica con cambios de postos, mudándolles os horarios ou aproveitándose da bolsa de horas para envialos a facer os traballos máis penosos”. Martínez Padín explica que cada vez que se produce unha baixa "hai represalias contra a persoa que cae enferma. Xa tivemos que presentar denuncias -que gañamos- por cambios de quenda arbitrarios, pero aínda así, a empresa non muda o seu comportamento".
O Sergas "mira para outro lado"
A destrución do emprego e a precarización das condicións laborais que contrasta co millón de euros de beneficios que a CIG-Servizos calcula que vai tirar a empresa co actual contrato. por iso, lamenta que dende a Xerencia do hospital "miren para outro lado" e non se obrigue a Ferrovial a respectar os dereitos e condicións do persoal.
Dende CIG-Servizos xa adiantaron que continuarán coas mobilizacións e, se non se producen avances, non se descarta intensificar as medidas de presión.