O persoal da limpeza do aeroporto de Santiago suspende unha das xornadas de folga pero mantén a outra
O cadro de persoal da limpeza do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago decidiu en asemblea non facer efectiva a xornada de folga prevista para hoxe despois de que a concesionaria do servizo, Onet Iberia, accedese a reincorporar de maneira temporal a práctica totalidade dos traballadores/as que se atopan en ERTE. Con todo, manterán a xornada de folga convocada para o vindeiro venres 8 de xaneiro mentres teñen lugar as negociacións coa compañía para modificar os niveis de desafección do ERTE en función do número de pasaxeiros/as.
As dúas xornadas de folga foran convocadas pola CIG e a UGT para rexeitar o drástico recorte económico da contrata por parte de AENA e demandar a reincorporación efectiva do 100% do persoal en ERTE. A prevista para hoxe xa non se chegou a facer efectiva unha vez que os traballadores/as validaron o preacordo alcanzado coa empresa na mediación do AGA que supón a volta ao seu posto do 40% do persoal do servizo que se atopaba en ERTE.
Con todo, trátase dunha medida temporal e a súa prolongación no tempo será negociada a partir de mañá ás 10:00 horas pola parte social e empresarial. A representación sindical pretende tamén renegociar os niveis e desafección do ERTE que AENA estableceu en función do número de pasaxeiros/as, co obxectivo de permanecer sempre nun nivel superior ao que propón AENA, o que permitiría contar cun 20% máis de persoal.
O mes pasado, por exemplo, alcanzouse a cifra de 34.000 pasaxeiros/as, o que se corresponde co nivel 3, isto é, ten que estar traballando o 60% do persoal. Pero a proposta da representación sindical é que con este número de viaxeiros/as se pase ao nivel catro, que establece que ten que traballar o 80% dos empregados/as.
Escaseza de persoal
Segundo sinalan, isto permitiría prestar o servizo dun xeito eficiente, algo que non se produce agora pola escaseza de persoal. Neste senso, lembran que a empresa non cubre nin as baixas por IT, nin os permisos, nin as vacacións, chegando a darse o caso de que na xornada do pasado 22 de decembro, por exemplo, traballaron unicamente 9 das 18 persoas que terían que facelo en total nas quendas de mañá e tarde (había persoal de baixa, de vacacións e en ERTE).
Ao mesmo tempo os traballadores/as aspiran a blindar as melloras que consigan, xa que a empresa pretende vincular o acordo co contrato mercantil subscrito con AENA para facer fronte ás novas necesidades derivadas da covid. Trátase dun contrato menor (de duración inferior aos nove meses) que se formalizou unha vez iniciada a pandemia, xa que estaba previsto que outra empresa se fixese cargo do servizo. Deste xeito, as condicións laborais do persoal non mudarían en caso de producirse un cambio de contrata.