O persoal da limpeza de Citroen irá á folga os días 3 e 4 de setembro contra a precarización laboral
O Comité de empresa de Clece (empresa que se encarga do servizo de limpeza e mantemento da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo) anunciou que vai convocar folga para os días 3 e 4 de setembro en rexeitamento "aos incumprimentos laborais, os abusos sistemáticos e os recortes de emprego e dereitos" aplicados pola dirección.
Para quentar motores de cara ás dúas xornadas de folga, os traballadores e as traballadoras realizaron este venres unha paródica concentración-manifestación nos arredores da fábrica da automoción viguesa. Por volta das 11:30 horas, o persoal concentrouse na porta principal de Citroen e posteriormente saíu en manifestación durante preto de unha hora pola circunvalación que dá acceso á factoría. Para mobilización
Os incumprimentos laborais, os abusos e a política de represión, explica Kiko Bravo, membro do Comité pola CIG, son unha constante dende que Clece se fixo coa contrata do servizo no ano 2014. A empresa, engade, conseguiu o contrato presentando unha oferta económica á baixa que pretende compensar recortando emprego estábel e condicións laborais e rebaixando a calidade do servizo. E isto, a pesar de que o persoal foi subrogado, supostamente, coas mesas condicións laborais que figuran no convenio.
De feito, os traballadores e as traballadoras veñen desenvolvendo mobilizacións de maneira continuada para denunciar aspectos como a vulneración de acordos acadados entre empregados/as e dirección; o incumprimento das condicións contractuais; a situación de insalubridade que presentan algunhas zonas de traballo; ou o incumprimento de gamas de traballo. Xunto a isto, denuncian que as medidas postas en marcha por Clece teñen provocado unha redución do cadro de persoal de máis do 40%.
Ante a falta de respostas por parte de Clece, o comité xa adiantou que vai convocar folga no servizo de limpeza de Citroen para os días 3 e 4 de setembro para esixir á empresa o cumprimento da normativa laboral e dos acordos acadados coa representación social.