Persoal da limpeza de Citroën convoca protesta no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo
Os traballadores/as da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, servizo xestionado pola empresa Clece, convocan unha manifestación este venres 28, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, para denunciar a crecente precarización do emprego e os continuos recortes de persoal. Con esta mobilización, promovida pola representación da CIG e da CGT no comité de empresa, tamén se quere rexeitar a mobilidade funcional dos empregados/as en diferentes postos sen ter a formación axeitada en prevención.
A marcha convocada polos delegados/as da CIG e da CGT no comité de empresa arrincará este venres 28, Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, dende a portería principal de Citroën ás 12.30 horas e rematará no mesmo lugar tras facer un percorrido até a rotonda de Castrelos. Unha vez de volta na fábrica -arredor dunha hora despois- terá lugar unha concentración até as 14.30 horas.
Segundo explican dende a representación da CIG no comité de empresa, o obxectivo da protesta é visibilizar a crecente precarización do servizo de limpeza, o recorte de persoal, as gamas de traballo que non se cumpren, a mobilidade funcional do persoal nos diferentes postos sen ter a formación axeitada en prevención, o estado de insalubridade dos vestiarios ou o feito de que Mutua Universal estea a derivar os accidentes laborais que se producen na empresa ao servizo público de saúde, “cargando os custes nas esquilmadas arcas públicas”.