O persoal da Inspección de Traballo retomará as mobilizacións se non hai avances na RPT
Xusto un ano despois da sinatura do acordo alcanzado para a elaboración dunha nova RPT que permita dotar de máis persoal á Inspección de Traballo e garantir o seu funcionamento adecuado, o Ministerio de Traballo e Economía Social e a Función Pública segues sen cumprir os compromisos. Por iso, as organizacións asinantes xa adiantan que, de non producírense pasos para o necesario fortalecemento deste organismo, retomaranse as mobilizacións a partir do vindeiro mes de setembro, convocando de ser preciso unha nova xornada de folga.
Hai que lembrar que o 7 de xullo de 2021 acadouse un acordo para a elaboración dunha nova Relacións de Postos de Traballo que cumprise co disposto na Lei 23/2015 do 21 de xullo. O devandito acordo foi subscrito entre a Dirección do Organismo da Inspección de Traballo e Seguridade Social (avalado, así mesmo, polo propio secretario de Estado de Traballo e Economía Social) e a plataforma na que se atopan representadas a maioría das organizacións sindicais e asociacións profesionais que representan ao persoal do Organismo.
Mobilizacións en marzo
No mes de decembro de 2021, a plataforma anunciou mobilizacións "co obxectivo de loitar por unha institución digna que puidese prestar un servizo público de calidade á cidadanía".
Despois das asembleas e mobilizacións efectuadas en múltiples Inspeccións de Traballo e Seguridade Social, o día 30 de marzo estaba convocada unha xornada de folga, "por non ofrecer a Dirección Xeral de Inspección de Traballo avance ningún en relación coas necesarias pretensións do persoal da Inspección de Traballo".
As mobilizacións quedaron en suspenso despois do compromiso do secretario de Estado de dar unha solución no prazo de tres meses, é dicir, o 1 de xullo de 2022.
Co obxectivo de obter información sobre os avances co Ministerio de Facenda e Función Pública (que ten que dar o visto bo ao acordo), a representación social mantivo reunións coa Dirección Xeral e o secretario de Estado sen lograr información sobre a situación da tramitación da RPT
Non hai ningún avance
"Atopámonos por tanto na mesma situación que hai un ano. Un ano no que non se avanzou na aprobación da RPT, pero no que se viu incrementado notabelmente o traballo dos compañeiros e compañeiros, sen que vísemos un compromiso real en reforzar nin facilitar os medios adecuados de traballo", denuncian.
Neste senso, critican que durante estes meses nada se avanzou no cumprimento do acordo asinado para a elaboración da nova RPT, "non se apreciou que se abordou de maneira conxunta e inmediata por parte do Ministerio de Facenda e Función Pública e Traballo e Economía Social a facer efectivas as medidas e alcanzar os obxectivos previstos no Plan Estratéxico da ITSS, en definitiva, un ano despois seguimos no mesmo punto de saída".