O persoal da estiba secunda a 1ª xornada de folga en defensa do emprego
Os/as traballadores/as da estiba están secundando este luns a primeira das xornadas de folga convocadas para esta semana en defensa do mantemento dos empregos. A decisión de convocar os paros (que se desenvolven dende ás nove da mañá durante as horas impares) tomouse logo de rachar as negociacións coa patronal Anesco, que está a incumprir o preacordo alcanzado coa representación sindical a través do que se garantía a subrogación de todo o persoal que vén prestando os seus servizos nas SAGEP.
A subrogación de todo o persoal é un dos elementos fundamentais das reivindicacións dos traballadores e traballadoras do sector, no marco do conflito aberto polo proceso de "liberalización" da estiba.
Concentración na Autoridade Portuaria
En Ferrol, onde a CIG ostenta a representación sindical, os doce traballadores fixos e os oito eventuais están secundando a folga, á que tamén se sumou o persoal do resto de empresas da estiba do porto que non están na SAGEP. Para dar máis visibilidade ao conflito, realizaron tamén unha concentración diante do edificio da Autoridade Portuaria.
Francisco Cartelle, Secretario Confederal de Emprego, lembra que o conflito xurdiu a raíz da aplicación da sentenza do tribunal europeo que obriga ao estado español á modificar a lexislación para liberalizar o sector.
Aproveitando esta circunstancia, o goberno español, a través dun Real Decreto, pretende liberalizar a actividade de carga e descarga de mercadorías nos portos, beneficiando as grandes empresas en detrimento das condicións laborais dos traballadores/as; xa que impón un modelo no que desaparecen as actuais SAGEP, e no que as empresas poderán contratar libremente e cando o precisen (a modo dunha ETT) ás e aos estibadores.
Fronte a isto, engade Cartelle, dende o colectivo demandouse do goberno introducir garantías para a subrogación de todo o persoal que actualmente está nas SAGEP, pero o goberno optou por deixar esta cuestión na negociación colectiva entre a parte social e a patronal Anesco. Aínda que se acadou un preacordo para garantir o mantemento do emprego, as negociacións finalmente racharon logo da patronal negarse a cumprilo.
En resposta, as organizacións sindicais convocaron tres xornadas de folga na estiba para esta semana e se non se producen avances, está prevista unha xornada de folga de 48 horas para o mércores 14 de xuño e tres novas xornadas de paros para os días 19, 21 e 23.