O persoal da estiba encara a primeira xornada da folga ininterrompida de 48 horas
O sector da estiba volveu á folga este mércores, logo de que non se producira ningún avance significativo na reunión que onte mantivo a representación social coa patronal Anesco en Madrid. Pois o empresariado continúa sen atender a principal demanda dos/as traballadores/as: garantías para o mantemento de todos os empregos.
Desta volta, a folga vaise realizar durante 48 horas ininterrompidas; é dicir, das 08:00 horas do mércores até ás 08:00 horas deste venres, polo que a súa incidencia será maior que nas xornadas de paros anteriores, que se desenvolvían en horas alternas.
Precisamente, na propia xornada do venres está prevista unha nova xuntanza coa patronal, que deberá responder á proposta formulada onte polas organizacións sindicais no obxectivo de chegar a un acordo que garanta a subrogación de todo o persoal e permita pór fin a este conflito.
No Porto de Ferrol, como vén sendo habitual, a totalidade dos traballadores da Sagep están secundando o paro, polo que os barcos que chegan a rada permanecen fondeados. Ademais, manteñen un piquete informativo dende primeira hora da mañá e entre as 11:00 e as 12:00 horas fixeron unha concentración diante do torno de entrada ás instalacións portuarias.