O persoal da Escola Municipal de Música de Santiago consegue importantes melloras pola mediación da CIG coa Inspección laboral
O persoal da Escola Municipal de Música consegue importantes melloras laborais granzas á mediación da CIG coa Inspección Laboral. Despois da denuncia e de mobilizacións, ante a inacción da empresa concesionaria, durante máis de ano e medio, conseguiuse o pagamento dos atrasos desde setembro de 2021, así como outras melloras salariais e laborais.
Entre as reinvindicacións acadadas, ademais do abono de máis de 13.000 euros que se lle adebedaba a 18 traballadores e traballadoras, inclúese o recoñecemento da suba salarial correspondente aos anos 2022 e 2023, a actualización dos trienios, a regularización horaria e das comunicacións administrativas (nónimas, contratos...), a consecución de novos complementos , o recoñecemento de non absorción de outros ou a constitución da negociación do Plan de Igualdade, que a empresa tiña caducado dende 2022.
A denuncia ante a inspección de traballo e as accións mobilizadoras contra a empresa Esproade, concesionaria da Escola Municipal de Música de Compostela, remataron cun proceso de negociación, con mediación da inspección laboral da Coruña, na que se acadaron importantes melloras para o persoal que presta os seus servizos na mesma.
Entre as mesmas destaca o recoñecemento e pagamento da débeda contraída con 18 dos 21 traballadores e traballadoras de máis de 13.000 euros con carácter retroactivo desde setembro de 2021, así como das subas salariais recoñecidas na negociación colectiva (2% 2022, 3,75% de todos os complementos de 2023 e as que se produzan a partir desta data), unha situación que a empresa se negaba a admitir e efectuar unha e outra vez durante os últimos anos.
Outra das reclamacións históricas do persoal, que o complemento ad personam das 16 persoas subrogadas non fose absorbíbel nin compensábel, tamén foi acadada, ao igual que o complemento por dedicación e dispoñibilidade (presente no novo convenio). Para quen entrou despois da subrogación mantense unha compensación económica que terá vixencia mentres dure o contrato administrativo entre a empresa e o Concello de Santiago.
A CIG-Ensino tamén arrancou o compromiso de Esproade de actualizar e abonar os trienios de todos os traballadores e traballadoras desde o inicio da súa relación laboral coa EMM e de solucionar as irregularidades existentes ao respecto das horas traballadas e das funcións da oficial administrativa. A empresa, a este respecto, xa comezou a abonar nesta semana mesmo, todos os pagos pendentes.
Fin dos acordos verbais
Mais as melloras acadadas neste proceso de mediación ante a inspección de traballo van máis alá de cuestións salariais. A partir de agora as comunicacións que se fagan ao conxunto do persoal ao respecto de contratos e de nóminas realizarase por escrito e en tempo e forma, dado que ademais dos atrasos neste apartado moitas veces a empresa operaba con “acordos verbais”.
Tamén vai figurar o procedemento a seguir no acordo para realizar os chamamentos do persoal fixo-descontinuo en cada inicio de curso, que se farán por escrito e cunha antelación de 72 horas, debendo a empresa entregar unha previsión de datas e horarios de chamamentos antes de que remate o curso.
Todo isto recollerase nun documento no que tamén aparecerá reflectida, por primeira vez en escrito e de xeito oficial, unha normativa do banco de horas como ferramenta voluntaria de mellora para o persoal para que poida acollerse a ela no caso de precisar a súa conciliación persoal, familiar e noutros ámbitos laborais.
Avaliación da CIG-Ensino
Para o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo, este acordo froito do proceso de mediación coa inspección laboral supón, ademais de corrixir e enmendar claras irregularidades por parte da empresa, a consecución de melloras e avances históricos nas condicións laborais para o persoal da Escola Municipal de Música de Compostela.
Monteagudo agarda que ata que remate a actual concesión non volvan producirse irregularidades nin incidencias por parte da empresa logo de pechar un acordo que, insiste, moi poucas veces é tan beneficioso para o persoal traballador. O secretario comarcal amosa a satisfacción da organización sindical polo arduo e complicado traballo realizado a carón do conxunto de traballadores e delegado sindical do centro para manter os seus postos de traballo e as súas condicións laborais en todos estes anos.
Indica, xunto a isto, que “desde a representación sindical sabiamos que tiñamos a razón nun proceso longo e de moito desgaste porque levamos máis de 6 anos con problemas laborais moi graves coas sucesivas concesionarias deste servizo, mais que a Inspección de Traballo corrobore que as nosas denuncias vulneraban todos os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras déixanos por fin a sensación de que vai existir certa reparación a todo o que levan sufrido”.
Monteagudo fixo un chamamento ao concello e ao novo goberno municipal a rematar coas prórrogas a esta empresa e “ a iniciar xa a tramitación duns novos pregos de contratación do servizo da escola municipal de música que recollan todas as demandas do conxunto de traballadores, especialmente a necesidade da igualdade de condicións no eido salarial. A este respecto estamos dispostos e preparados a sentarnos co Concello e colaborar en todo o que sexa necesario”, concluíu.