O persoal da Escola municipal de Música da Coruña continúa en loita pola xestión directa
As traballadoras e traballadores da Escola Municipal de Música da Coruña concentráronse este xoves diante do Pazo de María Pita, coincidindo coa celebración do pleno ao que, finalmente, non se levou o modificativo comprometido pola concellaría de Cultura para destinar a escola. Segundo explicou a delegada de persoal, Matilde Teijeiro, a previsión é que se convoque un pleno extraordinario a próxima semana na que se votará este punto.
“Hoxe estamos aquí para o Concello non se esqueza de nós. Sabemos que os cambios van lentos pero só pedimos que se respecte o que se nos comprometeu”, aseverou. Teijeiro reiterou que a loita do persoal vai alén de que se cumpra co establecido no convenio colectivo, “o noso principal obxectivo é que se garanta un ensino público de calidade”, cunhas instalacións adecuadas, os materiais e instrumentos que precisa o alumnado e autonomía de funcionamento.
Teijeiro manifestou a súa contrariedade polo feito de que nestes últimos días se detectaron erros no cálculo dos atrasos salariais por parte do Consorcio para a promoción da música (ente ao que está adscrita a escola), cando nas reunións anteriores ficara acordado o criterio para contabilizar as cantidades económicas adebedadas ao persoal. A representación social demandou que se volveran recalcular estas cantidades “para que vaian ben feitas”.
Sobre o novo convenio co Consorcio para a xestión do centro, Teijeiro sinalou que non se coñecen os termos exactos “pero polo pouco que sabemos, en principio non nos parece mal”, xa que se produciría un cambio de modelo ao quedar baixo xestión do ente só a parte de persoal. Lembrou que os traballadores e traballadoras da escola xa superaron un proceso de estabilización “polo que a municipalización non debería supor un gran problema para o Concello nin demorar demasiado no tempo”.
O colectivo de traballadores e traballadoras tamén está á espera de que se elaboren os orzamentos para 2025, porque os compromisos adquiridos polo Concello coa escola dependen de que as contas municipais para o próximo exercicio saian aprobadas. Por iso, o persoal seguirá coa súa loita mentres non teñan garantías de que a escola terá financiamento propio para poder ofrecer un ensino público de calidade e que se respecten os seus dereitos laborais.