O persoal da escola infantil Merlín mobilízase en demanda da readmisión da compañeira despedida

Estarán no pleno do concello de Ames este xoves e teñen convocada unha manifestación para o xoves 6 de marzo ás 19:30 horas
Compostela - 25 Feb 2025

As traballadoras e traballadores da escola infantil Merlín en Ames mobilizáronse esta mañá para reclamar a readmisión dunha traballadora despedida e exixir a resolución dos continuados problemas de impagos. Levan dous cursos consecutivos arrastrando esta situación, que persiste sen que lle dea unha solución. O vindeiro xoves estarán no pleno de Ames e teñen convocada unha manifestación para o vindeiro xoves, día 6 de marzo, ás 19:30 horas en Bertamiráns.

Subvención do 100%

Segundo explican desde a CIG-Ensino da comarca de Compostela, a escola afirma que non é viable e que a situación económica é mala. Porén trátase dunha escola 100% subvencionada pola Xunta de Galiza. “É unha subvención que está prevista para cubrir todos e cada un dos meses do ano e que reciben con antelación. Falamos de preto de 190.000 euros anuais”.

Denuncian que a escola recibe os cartos e que estes esgótanse ao pouco de recibir a subvención pola “mala xestión”, o que provoca que as traballadoras teñan que agardar de novo a que entre o seguinte tramo da subvención para poder cobrar as súas nóminas. Unha situación que a esta altura é xa “insostíbel”.

Malia isto, en varias ocasións o empresario entregou á representante das traballadoras un balance económico do que se tira un saldo anual positivo, o que “non coincide para nada coa idea de que a escola non é viable”.

A CIG-Ensino advirte de que esta mala xestión está a repercutir directamente no servizo que se presta, que “foi en decadencia”, coa supresión da parella educativa coa que se contaba incialmente; non substituír ao persoal traballador; deterioro das instalacións; redución do horario de peche da escola, que pasou de estar aberta até as 20:30 horas a só estar aberta até as 17:30, deixando así a varias familias sen servizo. Isto xunto con cambios constantes de persoal traballador debido á situación actual de continuos impagos, o que, afirman, “afecta negativamente ás crianzas”.

Despedimento

Actualmente notificaron o despedimento dunha compañeira da escola que se atopa en Incapacidade Temporal e a redución de xornada a outra traballadora, que pasou de facer 38 horas semanais a 25.

A empresa xustificou este despedimento cunha baixada de alumnado. Fronte isto, a CIG-Ensino considera que esta baixada do alumnado xa se produciu no mes de setembro de 2024. Por iso denuncia que “non é máis que unha represalia cara a traballadora por organizarse sindicalmente e loitar polos seus dereitos”.

A CIG-Ensino denuncia ademais que a xerencia da escola non intentou, en ningún momento, sentar coas traballadoras e buscar unha solución ao problema malia estar dispostas a dialogar e de mesmo ter solicitado varias xuntanzas que foron rexeitadas.

O persoal da escola segue acudindo día a día ao seu posto de traballo e cumprindo coas súas obrigas. “Só pedimos que o empresario cumpra tamén coas súas obrigas e recibir os nosos salarios en tempo e forma, cada unha de nós”, din.

Xunto a isto demandan que se reverta o despedimento da compañeira e a busca conxunta de alternativas, xa que os datos de matrícula ofrecidos pola empresa non xustifican eliminar case dous postos de traballo.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.