O persoal da Escola de Música de Santiago leva desde setembro sen cobrar unha nómina completa
O colectivo de traballadoras e traballadores da Escola Municipal de Música (EMM) de Santiago levan sen cobrar unha nómina completa desde o mes de setembro a pesar de estar desenvolvendo o seu traballo con total normalidade. Manifestan que a continuidade dun servizo esencial para a educación e a cultura da cidade está en perigo. Por iso demandan que se restableza inmediatamente a normalidade dos pagos e que se adopten as medidas necesarias para que esta situación non se volva repetir. De non ser así, o dia 1 de decembro iniciarán unha folga indefinida e levarán adiante as accións que consideren pertinente.
O vindeiro día 1 de decembro as traballadoras e traballadores da EMM levarán xa tres nóminas sen ingresar. Por iso queren trasladar a súa profunda preocupación porque consideran que o servizo municipal da Escola de Música depende exclusivamente da súa vontade.
Retrasos nas nóminas desde maio
Manifestan que, a pesar de ter estado traballando tanto no confinamento –esforzo e traballo que mesmo chegou a verse cuestionado-, como a partir do día 1 de setembro, veñen sufrindo retrasos de nóminas desde o mes de maio e que, a día de hoxe, a última nómina que se lles ingresou integramente foi a do mes de agosto, a día 6 de outubro.
O compromiso dos traballadores e traballadoras coa Escola Municipal de Música é total. Tanto é así que agardaron até hoxe para facer pública esta situación. “O noso esforzo, sentido da responsabilidade e vontade por manter o servizo foi total até o de agora, pero atopámonos nunha situación límite, tanto económica como emocionalmente, porque nestes momentos sentimos que os únicos que están a asumir a responsabilidade real do servizo municipal somos exclusivamente nós”, afirman.
Denuncian a situación de “desatención” que están a vivir; “a ausencia de respostas concretas; de solucións inmediatas e de información fluída e veraz que nos permita ver cando será posible cobrar”. A esta altura a única resposta que recibiron é que non se sabe cando se vai cobrar.
A CIG-Ensino apoia ás súas reclamacións
A CIG-Ensino, como representación dos traballadores e traballadoras, apoia absolutamente estas reivindicacións e ponse ao seu dispor para exixir o inmediato cobro dos atrasos, cuestión que lle compete exclusivamente á empresa. “Esixímoslle ao concello que deixe de mirar para o outro lado e que lle efectúe á empresa os pagamentos pendentes para que esta poida contar con liquidación. É inadmisíbel que os sucesivos gobernos de Santiago maltraten deste xeito un servizo tan imporante para a cidade coma este”, conclúe Rubén F. Monteagudo.