O persoal da Escola de Música da Coruña reclama diante do Consorcio recursos para unha ensinanza pública e de calidade
O persoal da Escola Municipal de Música da Coruña proseguiu este martes co calendario de mobilizacións acordado para reclamar a xestión directa por parte do Concello, que se lle asigne o orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública de calidade e para demandar tamén que se respecten os dereitos laborais e salariais recollidos no convenio.
Nesta ocasión a protesta trasladouse ás oficinas do Consorcio para a promoción da música, posto que a escola se xestiona a través deste ente mediante un contrato-convenio, que neste momento se atopa coa prórroga rematada. O calendario de mobilizacións continuará o mércores 9 de outubro, ás 11:30h, diante da escola; e o mércores 16 de outubro, ás 11:30h, haberá concentración diante do Concello da Coruña, en María Pita.
O principal problema da escola, advirte o persoal, é que non ten partidas propias nin autonomía de funcionamento e depende do Consorcio para calquera xestión, compra ou arranxo que se precise, ao punto que a "dirección non ten capacidade para poder desenvolver e avanzar no proxecto educativo".
Futuro incerto
A EMM leva anos padecendo un déficit orzamentario e por este motivo, en decembro pasado, a representación legal do persoal e a CIG fixeron xestións para que os Orzamentos do Concello da Coruña destinaran 250.000 euros e así cubrir as necesidades do centro para 2024. "No pacto político BNG-PSOE recóllese dita cantidade, pero logo ao executarse polo Goberno local non chegou á escola, sendo desviada esa cantidade para outros fins no Consorcio", denuncian.
Agora, sen orzamentos e con contrato-convenio rematado, o persoal docente e de administración pregúntase que futuro lle agarda a unha escola de música que é referente na cidade, na que están matriculadas 600 alumnas e alumnos, e que no seu día foi das máis punteiras do Estado.
A pesar de terlle trasladado ao Consorcio e ao Concello a crítica situación do centro, até agora todo foron "boas predisposicións, compromisos de solución e largas no tempo, pero sen feitos". Matilde Teijeiro, delegada de persoal, explicou que este xoves tentará volver ao escano cidadá -a través do que xa interviu o pasado mes de maio para solicitar orzamentos- para formular as problemáticas máis urxentes da Escola ao pleno municipal.
Engadiu que o persoal acordou iniciar estas mobilizacións para exixirlle ao Concello que cumpra o compromiso de municipalizar o centro pasando a súa xestión directa, para que consigne as partidas económicas suficientes que garantan unhas instalacións dignas e un proxecto educativo de calidade e que lle permita ao centro ter autonomía de funcionamento.
"Entendemos que a solución non vai chegar dun día para outro, pero se hai vontade política pódese acadar unha solución. O orzamento que precisa a Escola non é nada comparado cos millóns de euros que xestiona o Consorcio", subliñou.
Deterioro das instalacións
Advertiu do paulatino deterioro das instalacións, das deficiencias estruturais do edificio, da falta de mantemento de instrumentos e do equipamento, da imposibilidade de adquirir novos instrumentos, ou de facer sequera as reparacións necesarias. Pola falta de orzamento, critican, non se fixo a inspección da caldeira e probablemente non se poderá realizar a revisión do ascensor, que caduca en decembro.
Como exemplo das necesidades extremas da Escola, Teijeiro expuxo que "este inverno non imos ter calefacción por non poder pagar o gasóleo" ou os perigos derivados das deficiencias na instalación eléctrica, as goteiras, a iluminación obsoleta, etc.
A isto hai que engadir que hai alumnado que se queda sen praza ao non haber orzamento para ampliar o horario lectivo do profesorado xa contratado (que na maioría dos casos está a xornada parcial), así como a falta de oferta doutros instrumentos por non permitir a contratación de novo profesorado, quedando a escola moi limitada.
Dereitos económicos incumpridos
A maiores destes problemas, o persoal ten que aturar os incumprimentos do convenio colectivo asinado a principios do 2024, no referente ao pago dos atrasos polo cambio de categoría do profesorado, o pagamento do complemento social e a reformulación en positivo dos trienios. Estes dereitos económicos teñen carácter retroactivo a xaneiro de 2021 e o propio Consorcio calcula que deben ser uns 40.000 euros.
Neste punto, a delegada de persoal sinalou que no día de onte recibiron unha comunicación do Consorcio para arranxar a cuestión dos atrasos salariais, nomeadamente nas diferenzas de interpretación a respecto do cálculo dos trienios.