O persoal da Escola de Música da Coruña continuará coas mobilizacións para que se materialicen os compromisos
O pasado martes, a delegada de persoal da Escola Municipal de Música e representantes da CIG-Ensino, mantiveron un encontro coa Concellaría de Cultura para abordar a situación límite do centro pola falta de orzamentos, os incumprimentos do convenio colectivos e as graves deficiencias do edificio que ocupa a escola. Nesta reunión apenas houbo avances significativos, xa que a maioría dos compromisos trasladados polo Concello dependen dos orzamentos futuros.
A este respecto, dende a Concellaría de Cultura informouse que se vai levar ao pleno do día 7 de novembro un modificativo para a EMM e subsanar necesidades e débedas co persoal traballador.
No tocante aos arranxos urxentes que precisa o edificio, a representante da área de Cultura explicou que se afrontarán entre o Concello e o Consorcio aquelas cuestións prioritarias como son a caldeira e o ascensor. De feito, para o próximo luns está prevista unha reunión coa dirección do centro para tratar as necesidades e prioridades máis urxentes.
Dende o Concello tamén se fixo visita ao edificio (logo da denuncia do persoal de que caera unha parte da cornixa) e informouse que se vai orzamentar a reparación e haberá unha revisión minuciosa do edificio, que irá por Edificación e Patrimonio. O obxectivo, sinalou a administración, é a longo prazo realizar unha reparación integral do inmóbel.
Ás preguntas sobre o futuro da escola, respondeuse que o Concello ten previsto realizar un convenio de xestión co Consorcio, que pasará a encargarse unicamente dos gastos de persoal. Así, habería un cambio de modelo, xa que a xestión da escola se faría directamente pola Concellaría de Cultura (área na que a EMM contará cunha partida propia), e todo o relativo a recursos, materiais didácticos e mantemento do edificio tamén correrá a cargo de Cultura.
Segundo lle trasladou o Concello á representación social, este convenio revisarase anualmente, polo que o persoal seguirá mantendo o pulso pola municipalización.
Novas concentracións
Porén, todos estes compromisos están supeditados a que se aproben os orzamentos municipais para 2025, "co cal todo está no aire", advirte o persoal. Por ese motivo a asemblea de traballadoras e traballadoras acordou manter as mobilizacións e convocar unha concentración para o próximo martes, 29 de outubro, ás 20:30h, diante da escola.
Ademais, o 7 de novembro, haberá outra protesta en María Pita, ás 09:45h, coincidindo coa celebración do pleno ao que se levará o modificativo de crédito. E de non producirse avances concretos tanto no abono dos atrasos como nos arranxos prioritarios que precisa a escola, o persoal non descarta iniciar paros laborais.