
O persoal da empresa ourensá UNVI mobilizarase para esixir o acondicionamento do novo centro de traballo

O cadro de persoal da empresa da automoción UNVI de Ourense, dedicada á fabricación de autobuses, desenvolverá unha mobilización o vindeiro xoves 13 de febreiro de 14:00 a 15:00 horas para esixir o acondicionamento do novo centro de traballo situado no polígono de San Cibrao das Viñas.
Dende a CIG-Industria explican que a compañía conta cunha nave principal no mesmo polígono que si que reúne as condicións óptimas, “non así a instalación anexa que a empresa puxo en funcionamento de xeito puntual o verán pasado por un aumento da produción, xa que carece de sistema de extracción e as persoas traballadoras están sometidas ás temperaturas extremas propias do clima ourensá”.
O comité (integrado por 4 delegados/as da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) ten instado a UNVI en varias ocasións a solucionar estes problemas ou a adquirir unha nova nave que reúna as condicións mínimas de salubridade, pero a dirección négase.
En consecuencia, a maioría da representación sindical (CIG e CUT) optou por convocar unha concentración que non conta co apoio da UGT.