O persoal da empresa ourensá Coasa inicia protestas por unhas condicións dignas
O cadro de persoal de Coasa, empresa aeronáutica con sede no Parque Tecnolóxico de Galiza, en Ourense, mobilizouse este venres convocado polo comité diante das instalacións da compañía para reclamar unhas condicións laborais dignas.
Dende a representación da CIG en Coasa explican que dende novembro do ano pasado estase a negociar unha plataforma anexa ao convenio xeral da Industria Química que mellore “lixeiramente” as condicións laborais. Mais a dirección dedicouse en todo momento a “dar largas” e a presentar contraofertas “irrisorias”.
Diante disto, a presentación sindical optou por promover esta primeira mobilización como “toque de atención” e para “deixarlle claro” á empresa que as persoas traballadoras “estamos fartas e queremos unha verdadeira negociación”.