O persoal da empresa mixta de augas de Narón dá por rotas as negociacións para o convenio colectivo
A asemblea de traballadores/as da empresa mixta de augas de Narón, COSMA, acordou dar por rotas as negociacións para a sinatura do convenio colectivo da empresa. Esta decisión prodúcese logo de transcorrido máis de un ano desde que fose denunciado o convenio e tras constatar que a posición da empresa non recolle en absoluto as pretensión do persoal.
Ditas reivindicacións, apunta Francisco Cartelle, da CIG-Servizos de Ferrol, "ou cando menos as esenciais ao entender da parte social, consisten na necesidade de que o convenio garanta o incremento do custo da vida, e se respecten as condicións establecidas no actual convenio en vigor".
Porén, as posicións na mesa de negociación permaneceron inalteradas no seu contido desde practicamente o comezo da negociación, limitándose a empresa a darlle distintas formas a un mínimo incremento, pero destinando a maior parte dese ridículo incremento a conceptos con contías variábeis en base á produtividade, "criterio que sindicalmente combatemos e co que non podemos estar de ningún xeito de acordo".
Tras a decisión tomada polo persoal na asemblea do pasado 10 de maio, a representación sindical, ostentada pola CIG, emprenderá conversas coas organizacións políticas que sustentan o goberno municipal de Narón e o resto das forzas con presenza no consistorio, pois, subliña Cartelle, "non hai que esquecer que COSMA é unha empresa mixta na que o 51% do capital é público e pertence ao Concello de Narón". Esta sociedade ten un cadro de persoal composto por 14 traballadores/as.
O obxectivo desas xuntanzas "será trasladarlle a parte pública a necesidade de que o Concello de Narón se posicione a prol de que os traballadores/as da empresa mixta non vexan minguado o seu poder adquisitivo. Solicitude que entendemos debe ser asumíbel e defendíbel por parte do goberno municipal", afirma.
De non se producir avances que permitan retomar as negociacións nos parámetros requiridos pola parte social, o persoal acordou adoptar medidas de presión, "sen desbotar ningunha delas, e que comezarían coa realización de concentracións e outro tipo de accións tendentes a que se visualice o conflito por parte dos veciños e veciñas de Narón".