O persoal da EMM critica que non se lle permitira participar no escano cidadá e alerta de desprendementos na fachada do edificio
O persoal da Escola Municipal de Música da Coruña critica que non se permitira a participación da delegada de persoal no escano cidadá, alegando que xa tiña intervido no mes de maio, aínda que nesta ocasión ía tratar outra temática diferente. Coa dúbida até o último momento, finalmente Matilde Teijeiro non puido tomar a palabra diante do pleno municipal para preguntar por que o Goberno local segue sen municipalizar a escola, sen asumir a súa xestión directa cando o persoal xa ten as prazas consolidadas, e permitindo que se incumpra co convenio colectivo.
O persoal entende que con esta negativa a participar do escano cidadá, o Goberno municipal está intentando silenciar as súas demandas e demostrando o escaso interese que ten por atender as xustas reivindicacións na defensa do futuro da escola e un ensino de calidade. De feito, a preguntas da oposición, o concelleiro d Cultura foi incapaz de explicar en que se gastaron os 250.000 euros consignados para a EMM nos orzamentos deste ano, limitándose a dicir que os cartos foron para o Consorcio para a promoción da música, pero sen aclarar a que fin se destinaron.
Desprendemento da cornixa
Doutra banda, o persoal quere advertir que o mércores pola tarde caeu un anaco da cornixa do edificio sobre a beirarrúa. Por sorte non houbo que lamentar danos a ningunha persoa, xa que a hora na que se produciu o incidente é a de maior asistencia á escola. Porén foi precisa a posterior intervención dos bombeiros para asegurar a cornixa e evitar que se desprendan novos anacos sobre a rúa.
O evidente deterioro da fachada xa foi denunciado en diversas ocasións pola dirección da escola e o persoal, mais nin o Consorcio nin o Concello realizaron as actuacións de mantemento e as reparacións necesarias. Cómpre sinalar que o centro comparte inmóbel co CEIP Curros Enríquez, que este ano se renovou por completo agás na parte que ocupa a Escola Municipal de Música, quedando esta no total esquecemento.
Despois deste incidente, dende o Concello indicaron que persoal técnico de infraestruturas pasaría pola escola para avaliar a situación das instalacións, tanto na fachada como no interior, mais dous días despois "aínda non apareceu ninguén". O persoal advirte que hai aulas con goteiras e que este desprendemento da cornixa empeorará este problema, afondando máis no deterioro dos materiais e na perda da calidade educativa.
Neste contexto, o persoal reafirma a súa disposición a seguir pelexando para conseguir que o Concello da Coruña asuma a xestión directa, que a Escola conte co orzamento necesario para ofertar unha ensinanza pública e de calidade e reivindicar que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo e se abonen de inmediato os atrasos salariais xerados dende xaneiro de 2021.