O persoal da depuradora de Vigo inicia un calendario de protestas por un convenio con salarios xustos
O persoal de Trainasa, concesionaria da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais de Vigo (EDAR Lagares), iniciou no día de onte un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo con salarios xustos, xa que na última xuntanza a empresa reduciu a súa oferta anterior. Para este xoves 22 teñen convocada unha nova concentración, mentres que o martes 27 percorrerán en manifestación a distancia entre a instalación e a rotonda de entrada da VG20 ás 15:00 horas.
Segundo explican dende a representación sindical, integrada por tres delegados/as de persoal da CIG, optouse por convocar protestas unha vez que un responsábel da empresa chegado de Madrid propuxo unha suba de soldos do 4,5% para 2023, do 3% para 2024, do 2,5% para 2025 e do 2,5% para 2026, “cando tras as tres reunións anteriores xa estabamos no 5,5%”. Ademais, esta proposta non inclúe cláusula de revisión salarial nin atrasos, senón unha cota fixa de 350 euros para cada un dos 49 traballadores/as da empresa unicamente en 2023.
Neste senso, denuncian que pese a pertencer a FCC-Aqualia “semella que somos os grandes esquecidos/as, xa que temos os peores salarios do grupo”. E lamentan que a empresa ademais de reducir a proposta estea a dilatar tamén as negociacións, até o punto de que adiou ao 5 de xullo a xuntanza prevista para o pasado 8 de xuño. Por iso adiantan que se despois dese encontro non se chega a un acordo barallarán a convocatoria de paros e de mobilizacións diante do Concello de Vigo.
Pero antes terá lugar unha nova concentración por quendas de traballo diante da EDAR Lagares, prevista para este xoves 22, no mesmo horario que a celebrada no día de onte (de 13:00 a 16:00 horas) para forzar a empresa a negociar un convenio de centro de traballo que contemple uns incrementos salariais xustos.